
A norma proposta pola Comisión Europea o 16 de outubro de 2023 ten como obxectivo diminuír nun 6% a cantidade total de vertidos non intencionados de microplásticos para evitar o seu impacto no clima, a biodiversidade, a economía e a saúde.
Cómpre ter en conta que o granulado plástico, unha vez dispersado, é moi difícil de recuperar e a súa mobilidade facilita que se expanda por aire, augas superficiais, correntes mariñas e solos agrícolas.
Durante a súa intervención para expoñer a posición común autonómica, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que a futura norma regulará, ademais doutros aspectos, a cadea de subministración dos microplásticos e agradeceu a todas as comunidades a súa implicación e traballo nos últimos meses para acadar unha postura de consenso. Así, entre as medidas propostas, que contan co respaldo do sector portuario e dos produtores de plástico, inclúense as obrigas que deberían aplicarse aos operadores económicos europeos así como aos transportistas comunitarios e extracomunitarios.
Cómpre lembrar que Galicia foi designada para exercer a representación das comunidades españolas durante as dúas reunións dos ministros de Medio Ambiente da UE programadas para o segundo semestre de 2024.
Precisamente, a intervención de Ángeles Vázquez en Bruxelas o vindeiro 17 de decembro enmárcase nesta encomenda, polo que durante a reunión dos ministros europeos e como parte da delegación española será a encargada de defender a posición común autonómica sobre o Regulamento para reducir a contaminación por microplásticos.
Obxectivo climático no ano 2040
Durante a reunión telemática convocada hoxe polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico tamén se analizou a postura de España ante o debate aberto en Europa para fixar novos obxectivos climáticos de cara a 2040, en concreto, a redución nun 90% das emisións de gases de efectos invernadoiro (GEI) respecto aos valores de 1990, ano de referencia a nivel comunitario en materia climática.
Ao respecto, a conselleira tomou a palabra para incidir na importancia de garantir a seguridade xurídica a nivel europeo para os proxectos relacionados coa implantación de enerxías renovables, consideradas pola UE de interese público superior polo seu papel clave na loita contra o cambio climático e na consecución da transición enerxética.
De feito, lembrou que a Xunta, da man do Goberno central, decidiu personarse na cuestión prexudicial elevada ante o Tribunal de Justicia Europeo (TJUE) para defender a tramitación dos proxectos eólicos realizada en Galicia nos últimos anos en aplicación da Lei de avaliación ambiental de 2013 e insistiu en que espera que o pronunciamento da xustiza comunitaria sobre este asunto permita desbloquear a actual parálise eólica na Comunidade e garanta a seguridade xurídica que demandan sector e administracións.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.