
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico vai pagar esta mesma semana o 90% das axudas directas da Política Agraria Común (PAC) que faltaban por ingresar aos gandeiros e agricultores galegos. Trátase de 99,3 millóns de euros.
Este saldo corresponde ao resto das axudas directas da PAC que non se aboaron no anticipo realizado na segunda quincena do mes de outubro e inclúe tamén o 20% que faltaba por pagar naquelas liñas en que xa se anticipara unha parte da axuda. Tamén se vai realizar o pagamento do 100% das axudas a zonas con limitacións naturais (ZLN), é dicir, outros 17,3 millóns de euros. Polo tanto, estes pagamentos da PAC desta campaña en Galicia suporán un desembolso de preto de 117 millóns de euros, que beneficiarán arredor de 23.000 agricultores e gandeiros, segundo indicou o presidente.
Rueda salientou a axilidade da Xunta co pago das axudas directas, que son as máis importantes da PAC e lembrou que o resto de achegas se irán pagando progresivamente nos vindeiros meses.
Cómpre puntualizar que a regulamentación comunitaria establece que os pagamentos da PAC poden comezar a realizarse a partir do día 16 de outubro de cada ano. O prazo para proceder ao pagamento do resto das axudas directas da PAC a través do fondo agrario Feaga, o pagamento do saldo, comeza o día 1 de decembro de 2024, de maneira que todas as axudas deberán estar pagadas, como máis tarde, o 30 de xuño de 2025.
Galicia, segundo lembrou Rueda, adiantou un mes o pago da primeira parte das axudas directas ao pasado mes de outubro cando se ingresaron 43 millóns de euros.
Neste sentido, hai que salientar que a PAC ofrece un firme apoio a agricultores e agricultoras tratando de proporcionarlles un nivel de vida razoable. Por tanto, a PAC proporciona estabilidade nos ingresos, seguridade e mellora a rendibilidade do sector agrario. Desta maneira, favorece o mantemento da actividade agraria en particular, pero tamén do sistema alimentario no seu conxunto.
Nesta liña, a PAC define as condicións que permiten que o sector agrario cumpra as súas importantes funcións proporcionando beneficios, xa non só para o sistema agroalimentario, senón tamén para os consumidores e a sociedade en xeral. Vantaxes na subministración de alimentos acordes coas exixencias da consumidores, na conservación do ambiente e na loita contra o cambio climático, na fixación de poboación e xeración de emprego no medio rural e na xeración directa e indirecta de traballo no sistema agroalimentario.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.