
A inclusión do ramal galego como parte do Corredor Ibérico do Hidróxeno na actual convocatoria dos PCI, defendeu, é fundamental para poder unirse posteriormente ao H2Med e, deste xeito, avanzar nos obxectivos de descarbonización da Unión Europea.
Sobre o corredor europeo de hidróxeno H2Med, chamou a comprender a importancia dunha infraestrutura que pode aportar valor e capacidade de produción de hidróxeno para exportar cara ao norte e centro de Europa. O director xeral de Planificación Enerxética e Minas convidou a todos os interesados a participar na Call for Interest a través da plataforma en liña H2Digital, onde poden rexistrar ata o 18 de decembro as súas iniciativas para optimizar o deseño e os requisitos operativos do corredor que conectará a Península Ibérica con Alemaña.
Por último, destacou a importancia do hidróxeno verde para Galicia, presente, por exemplo, en proxectos industriais estratéxicos como Triskelion, H2 Pole ou Arteixo H2V. Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia tamén impulsa este sector con proxectos que poden ir desde un curso online sobre a normativa sectorial do hidróxeno verde, organizado polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ata a articulación dun ecosistema transfronteirizo que impulse unha cadea de valor arredor do hidróxeno verde en na Comunidade galega e o Norte de Portugal.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.