Noticias

Un novo cribado detectará cardiopatías conxénitas críticas nas primeiras 24 horas de vida dos bebés

Se hai signos de alarma, o protocolo para confirmación diagnóstica marca a realización dun ecocardiograma en menos de 12 horas. Cando non os hai, a proba será realizada en canto sexa posible, sempre en menos de 72 horas. Cando o resultado do ecocardiograma é compatible cunha cardiopatía conxénita crítica, realizarase unha interconsulta para valoración inicial telemática coa unidade de referencia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e o bebé será trasladado en menos de 6 horas. As alternativas terapéuticas serían a medicación, un cateterismo cardíaco ou unha cirurxía.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia ofrecerá “desde o luns 2 de decembro o novo programa galego de cribado neonatal para a detección precoz e o tratamento de cardiopatías conxénitas críticas para poder identificar esta enfermidade nas primeiras 24 horas de vida dos bebés”. Así se recolle no informe da Consellería de Sanidade avaliado hoxe polo Consello da Xunta.

O obxectivo é detectar a enfermidade antes de que presente síntomas a través dunha técnica indolora e non invasiva como é a pulsioximetría para medir o osíxeno en sangue do bebé.

A Xunta, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, realizará este cribado de forma universal a “todos os bebés nados en Galicia”, tal e como apuntou Rueda. Así, a Consellería de Sanidade remitiulle aos hospitais privados galegos o novo protocolo para que tamén leven á práctica este cribado.

As cardiopatías conxénitas críticas presentan unha incidencia de “dous casos por 1.000 nacementos, poden comprometer gravemente a saúde do bebé e son causa do 20% dos falecementos ocorridos no período neonatal”, sinalou o titular do Goberno galego.

A maioría dos defectos críticos teñen certo grao de baixos niveis de osíxeno en sangue, polo que, coa pulsioximetría, en menos de 10 minutos pode obterse a sospeita de cardiopatía. En caso de que a proba sexa positiva, o persoal de enfermaría informará a pediatría ou neonatoloxía para facer unha valoración clínica.

Atención inmediata

Se hai signos de alarma, o novo protocolo para confirmación diagnóstica deseñado por profesionais do Servizo Galego de Saúde marca a realización dun ecocardiograma en menos de 12 horas. Cando non os hai, a proba será realizada en canto sexa posible, sempre en menos de 72 horas.

Cando o resultado do ecocardiograma é compatible cunha cardiopatía conxénita crítica, realizarase unha interconsulta para valoración inicial telemática coa unidade de referencia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e o bebé será trasladado en menos de 6 horas.

As alternativas terapéuticas previstas serían a medicación, un cateterismo cardíaco (como un pequeno orificio na parede interior do corazón) ou unha cirurxía cardíaca infantil (que pode ser necesaria para reparar defectos no corazón e vasos sanguíneos, substituír unha válvula cardíaca, colocar un dispositivo no peito para axudar ao corazón a bombear sangue ou facer un transplante).

A posta en marcha deste cribado, de forma secundaria, tamén permitirá identificar hipoxemia por outros motivos que poden ser graves (problemas respiratorios parenquimatosos ou anatómicos, hipertensión pulmonar persistente, outras cardiopatías conxénitas, sepse, hipotermia ou hemoglobinopatías).

Ademais da organización das distintas categorías profesionais do Servizo Galego de Saúde implicadas neste proceso asistencial, este programa de detección precoz supón a compra de monitores para realizar a pulsioxiometría, por valor de 15.077 euros, e a de sensores adhesivos de saturación de osíxeno neonatal desbotable, por valor de 57.172 euros ao ano, que serán financiados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

A Consellería de Sanidade mantén a súa aposta pola prevención cun novo cribado neonatal que se suma á proba do talón para detectar enfermidades endócrinas e metabólicas, a proba máis completa de España, que lidera a Dirección Xeral de Saúde Pública. Ademais, o Servizo Galego de Saúde destaca de forma especial polo aproveitamento da telemedicina, polo traballo en rede dos profesionais de todas as categorías e áreas sanitarias e tamén da xestión do coñecemento, neste caso en cardiopatías conxénitas do neonato.

R., 2024-11-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ítaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES