
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Ourense, coincidindo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a mostra Un caso de violencia contra a muller no século XVI: a morte de Bárbara de Carranza en 1570, que permite, apuntou, sensibilizar á sociedade desde todos os eidos, tamén desde o cultural, contribuíndo con propostas como esta que abordan o problema desde unha perspectiva histórica.
Así, tal e como explicou o representante do Goberno galego, a exposición está protagonizada por un documento notarial conservado no centro ourensán que recolle un relato de 1570 onde Fernán Pérez de Lemos deixa por escrito un caso de violencia machista nesa época, que derivou no falecemento, segundo aporta este texto, de Bárbara de Carranza.
Esta peza estará exposta ata o 30 de decembro acompañada de varios paneis explicativos onde aparece transcrita a historia completa. Ao material tamén se engade un vídeo producido polo propio Arquivo dedicado a este caso e complétase con outra información escrita para os visitantes co obxectivo, apuntou Anxo M. Lorenzo de achegar á cidadanía un contexto histórico desde o que poder reflexionar tamén sobre a situación na actualidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.