Noticias

O Sergas chama ás embarazadas e aos profesionais sanitarios a vacinarse fronte á gripe

A campaña de vacinación da Xunta leva até o de agora inmunizados a 378.000 galegos fronte á gripe. O Sergas anima ao conxunto da poboación galega a vacinarse e, en especial, aos profesionais sanitarios e ás mulleres embarazadas, onde se rexistra unha taxa máis baixa de inmunización. As pautas do hemisferio sur e os seus patróns indican que este ano a gripe vén con máis forza, polo que se aconsella inmunizarse, sabendo que a vacinación é a ferramenta máis eficaz para previr a enfermidade. A cobertura de vacinación de gripe en persoas de 80 e máis anos rolda en Galicia o 76% (75,82%) e que a cobertura do grupo de idade de 65 e máis anos sitúase polo de agora no 42,5%.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, supervisou esta mañá na Cidade da Cultura o desenvolvemento da campaña de vacinación da Xunta que até o de agora xa leva inmunizados a 378.000 galegos fronte á gripe.

Durante a visita, o titular de Sanidade animou ao conxunto da poboación galega a vacinarse e, en especial, aos profesionais sanitarios e ás mulleres embarazadas, onde se rexistra unha taxa máis baixa de inmunización.

Gómez Caamaño explicou que as pautas do hemisferio sur e os seus patróns indican que este ano a gripe vén con máis forza, polo que se aconsella inmunizarse, sabendo que a vacinación é a ferramenta máis eficaz para previr a enfermidade.

Na compaña do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o conselleiro referiu os datos de vacinación que se están a rexistrar na presente campaña.

Neste sentido, detallou que cobertura de vacinación de gripe en persoas de 80 e máis anos rolda en Galicia o 76% (75,82%) e que a cobertura do grupo de idade de 65 e máis anos sitúase polo de agora no 42,5%.

“Agardamos que a participación das persoas deste grupo de idade vaia en aumento”, incidiu Gómez Caamaño, en alusión ao proceso de citación iniciado onte para vacinar en grandes recintos a este grupo de idade. Ademais, no caso dos menores de 5 anos apuntou que a taxa de vacinación da gripe na comunidade supera xa o 45,5%.

No que atinxe á área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, a vacinación das persoas de 80 e máis ano acada o 79,8% e no caso dos menores de 5 anos sitúase no 51,6%.

Gómez Caamaño salientou que as taxas de vacinación fronte á covid-19 son máis baixas que as da gripe en termos xerais, un feito que lamentou pois, maila que xa se superou pandemia, a covid segue a ser unha ameaza para a saúde, incidiu.

Avance do Proxecto GALFLU

Durante a visita desta mañá, o responsable da carteira sanitaria da Xunta tamén se referiu á marcha do proxecto GALFLU, o estudo clínico posto en marcha co obxectivo para avaliar se a vacina antigripal reforzada, que xa se administra á poboación maior de 80 anos, ten a mesma eficacia no grupo de idade que abrangue as persoas de entre 65 e 79 anos.

Sobre este particular, Gómez Caamaño salientou que nos primeiros dez días do comezo desta segunda fase na que se realiza o estudo máis de 28.600 persoas xa participaron na iniciativa, o que supón unha taxa de reclutamento do 50%.

O obxectivo é que 70.000 galegos participen neste estudo, afirmou o conselleiro de Sanidade, remarcando que a Xunta pretende seguir a manter a súa posición de liderado no ámbito de vacinación, no que Galicia se mantén como a comunidade con calendario de inmunización máis completo do mundo.

R., 2024-11-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES