
Con todas as consecuencias que estes contextos implican para as diferentes variables macroeconómicas, engaden.
Analizar a maneira na que Galicia se enfronta a esa transición industrial é pois o obxectivo deste último estudo que este mércores se presentou en Santiago nun acto no que interviñeron a coordinadora de Economía Galega. Informe e profesora da USC Dolores Riveiro; o catedrático de Física da USC Luís Miguel Varela; a subdirectora xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego, Carmen Orgeira; o director xeral de IMPULSA Galicia, Julio Pombo; o secretario xeral adxunto da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Maceira, e o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), Enrique Mallón.
O informe Transición Industrial. A oportunidade de reindustrialización que Galicia non pode perder comeza cunha reflexión do director xeral de Impulsa Galicia sobre a política industrial da comunidade, unha perspectiva institucional respecto aos cambios necesarios nese sector e como abordalos.
A continuación ten lugar outro apartado coa perspectiva do propio sector industrial galego, centrándose nos que, ao xuízo do sector, son os principais retos aos que se enfronta e apuntando algunhas das respostas que propoñen. Esta segunda parte ofrece tanto a visión do sector industrial en xeral, a cargo da Confederación de Empresarios, como a do metal, que engloba boa parte da industria galega, e que no informe está representado por ASIME.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.