Noticias

A campaña GALICIA SABE AMAR percorre un ano máis a nosa comunidade promovendo os produtos do mar galegos

Os produtos do mar de Galicia seguen percorrendo, un ano máis, a nosa comunidade grazas á campaña GALICIA SABE AMAR, respaldada pola Xunta de Galicia e polas empresas galegas do sector, e adaptándose ás demandas dos consumidores, para poñer en valor a calidade de peixes e mariscos galegos (frescos, conxelados, en conserva ou en calquera outra presentación) e o traballo dos profesionais. Este labor vese complementado coa participación en feiras de alimentación nacionais e internacionais para promover as exportacións dos produtos do mar galegos, que seguen batendo récords.

En 2023 Galicia acadou o posto número 15 a nivel mundial en ventas externas de produtos de pesca, con máis de 608.000 toneladas, cun valor total de 2.787 millóns de euros. Deste xeito, un 56% dos produtos que España vendeu ao estranxeiro saíron de Galicia, xerando o 52% do valor, e superando nun 2,94% as cifras de 2022 e nun 15,76% as de 2021. Hai que ter en conta ademais que estamos a falar dun período moi afectado polas dificultades económicas globais, a guerra en Ucraína, o encarecemento da enerxía e das materias primas e a consecuente escalada inflacionista.

Un dos principais factores que levou a esta situación foi a participación das empresas galegas da cadea mar-industria en feiras para dar a coñecer os seus produtos, abrir novas vías de negocio e chegar a máis mercados. Esta participación prodúcese en solitario ou da man da Consellería do Mar, que está a participar cada ano en preto dunha vintena de certames nacionais (como Aquafuture Spain de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela, Salimat Abanca en Silleda, Conxemar Vigo, San Sebastián Gastronómika, Xantar Ourense ou Gastrónoma Valencia) e internacionais (Gulfood Dubai, Foodex Japan, a Seafood Expo North America, Tutto Food Milán, a Summer Fancy Food Show de Nova York, a Seafood Expo Asia, Expomar Cabo Verde ou Anuga Colonia).

GALICIA SABE AMAR

A campaña GALICIA SABE AMAR púxose en marcha en 2021 co obxectivo de poñer en valor os produtos do mar e traballo dos pescadores galegos para poñer a disposición dos consumidores múltiples alimentos da máxima calidade. Este proxecto supuxo a continuación do posto en marcha en 2020, ‘Compra produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco’, que pretendía agradecer o esforzo realizado pola frota nos tempos do coronavirus, nos que o sector pesqueiro foi declarado esencial, e seguiu faenando malia que en moitas ocasións non lle era rendible.

A estas campañas engádense outras específicas de produto nas que se poñen en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, ademais dos produtos elaborados, como as conservas ou conxelados. Deste xeito, anos comunidade pretende que os profesionais do mar melloren os seus ingresos e que a súa actividade sexa sostible no futuro e atractiva para as novas xeracións, que vexan nela unha boa opción profesional.

NoticiaNovidades dende 2023

GALICIA SABE AMAR botouse á estrada en 2023 con catro foodtrucks para percorrer os concellos de Galicia polos que pasan os diferentes Camiños de Santiago, ofrecendo petiscos elaborados a base de produtos certificados do mar de Galicia, para dar a coñecer a súa versatilidade e calidade, e animar a veciños e visitantes a mercalos e consumilos. A campaña comezou no mes de febreiro en Galicia, para seguir posteriormente en outras comunidades e terminar de novo en terras galegas. O balance foi de 6.000 quilómetros percorridos, chegando a 35.000 persoas e a 376 concellos. En 2024 e 2025 a previsión é ofrecer 1.400 degustacións. Toda a información sobre as rutas destas catro foodtrucks pode ser consultada na web https://galiciasabeamar.gal/ ou nas redes da Consellería do Mar

Todas as persoas ás que chegou a campaña puideron desfrutar dalgún dos 10 pinchos diferentes elaborados a base de produtos certificados do mar (como os amparados polo selo pescadeRías, berberecho de Noia, bonito do norte ou mexillón de Galicia) e outros produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe Protexida (DOP) como as fabas de Lourenzá, mel de Galicia, pementos de Arnoia e Herbón, queixos de Arzúa-Ulloa ou do Cebreiro, pan de Cea ou as patacas.

Resultados

A estratexia Galega para promover o consumo dos seus produtos do mar parece ter uns efectos moi positivos nas cotizacións nas lonxas galegas, que encadearon varios máximos históricos nos últimos anos. Así, o sector marítimo-pesqueiro galego mellora os ingresos polos produtos e a rendibilidade da súa actividade, pese as circunstancias socioeconómicas antes nomeadas. Esta é unha cuestión fundamental nunha comunidade como a nosa, que conta con máis de 60 lonxas que comercializan arredor de 300 especies diferentes da máxima calidade e prestixio, entre peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, ademais dos procedentes da acuicultura, como o mexillón, e da industria transformadora.

Un sector con impacto en toda a economía

Sen dúbida falamos dun sector fundamental para a economía galega, pois ten interacción con 76 das 83 ramas económicas identificadas en Galicia, e pon no mercado cada ano produtos por valor de preto de 9.000 millóns de euros. En España, alcanza o 4,8% do PIB, de forma que o sector extractivo chega ata o 2,1%. Por iso resultan tan importantes todas as campañas de promoción e a participación en feiras, onde as empresas pechan contactos e negocios con firmas internacionais, dándolle a maior visibilidade aos produtos galegos fóra das nosas fronteiras.

Un sector marítimo-pesqueiro con actividades moi diversas -como a pesca, o marisqueo, os cultivos mariños, a transformación de produtos do mar ou a súa depuración- e máis de 120 portos, cuxa promoción se converte nun paso intermedio entre a extracción e a comercialización, para optimizar resultados e mellorar a rendibilidade da actividade.

Unha opción saudable

A promoción dos alimentos que baseados nos produtos do mar é un dos mellores investimentos que se poden facer como sociedade, porque contribúen a mellorar tanto a saúde e o aforro en gasto sanitario como a sustentabilidade e a economía, especialmente a local. Consumir peixes e mariscos frescos ou produtos transformados ou acuícolas promove sen dúbida uns hábitos de vida máis saudables, pero tamén impulsa o traballo de todo un sector produtivo da nosa comunidade.

As máis de 60 lonxas galegas ofrecen unha gran variedade de peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, que as autoridades sanitarias recomendan consumir, como mínimo, tres ou catro veces á semana. Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio…, os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.

R., 2024-07-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES