Noticias

Presentado o proxecto TRANSFIRESAÚDE para a integración do ecosistema de I+D+i sanitario na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A Eurocidade Chaves-Verín acolleu a xornada de presentación do proxecto TRANSFIRESAÚDE, coordinado pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) e destinado a fortalecer o ecosistema de investigación e innovación sanitaria na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este proxecto europeo ten como finalidade desenvolver solucións conxuntas e innovadoras, principalmente no ámbito da intelixencia artificial, abordando os retos vencellados ao envellecemento activo e saudable e á medicina personalizada, especialmente no ámbito da atención primaria de saúde.

Este proxecto ten como socios, ademais de ao Servizo Galego de Saúde, á Eurocidade Chaves-Verín, ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Innovación da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), á Universidade de Vigo, ao Instituto de Investigación e Innovación en Saúde da Universidade do Porto (i3S), ao Centro Clínico Académico-Braga (2CA-BRAGA), á Asociación Centro de Medicina P5, INESC TEC – Instituto de Enxeñería, Tecnoloxía e Ciencia de Sistemas e Informática.

Os socios de TRANSFIRESAÚDE reuníronse esta semana na Eurocidade Chaves-Verín para participar no evento inaugural do proxecto. A xornada contou coa participación do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo, encargado da apertura institucional do acto.

A continuación, as entidades galegas beneficiarias desta acción realizaron unha presentación para explicar os obxectivos do proxecto, entidades participantes e abordar as actividades e tarefas a desenvolver durante os próximos tres anos, liderado pola director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero.

O acto continuou coa formación de dúas mesas sobre as temáticas de “Innovación e Intelixencia Artificial en Saúde” e “O papel da Investigación en Saúde para o impulso na Medicina Personalizada de Precisión: especial fincapé na Atención Primaria”, nas que os participantes debateron e intercambiaron puntos de vista sobre as mencionadas temáticas.

As mesas foron moderadas por Luis Janeiro, presidente do consello de dirección e profesor coordinador da Escola Superior de Saúde Cruz Vermelha Portuguesa – Alto Tâmega, e por Yolanda Triñanes Pego, doutora en psicoloxía e técnica na Unidade de Asesoramento Científico-técnico de Avalia-t en calidade de moderadora da segunda mesa, e onde participou en representación do Servizo Galego de Saúde, Pilar Rodríguez Ledo, subdirectora de Humanización, Calidade e atención á cidadanía da área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

O peche correu a cargo da representación portuguesa liderada pola Eurocidade Chaves-Verín.

O proxecto TRANSFIRESAÚDE, aprobado polo Programa de Cooperación INTERREG VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, conta cun orzamento total de 1,8 millóns de euros e está cofinanciado nun 75% pola Unión Europea a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027.

R., 2024-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES