
A Xunta de Galicia vén de impulsar a renovación do Plan de Xestión da Ribeira Sacra de cara a establecer os vindeiros pasos a dar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, seleccionada polo Consello do Patrimonio Histórico como a proposta oficial de España para ser declarada patrimonio mundial pola Unesco en 2026. Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, tras a reunión, esta mañá, da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra que coordina as accións deste plan dun xeito integral.
A directora xeral de Patrimonio salientou a importancia do Plan para esta candidatura mundial, xa que ten por obxecto garantir a axeitada xestión da paisaxe cultural da auga da Ribeira Sacra. Con este fin, segundo apuntou, téñenselle artellados programas, nos que participan diferentes departamentos da Xunta de Galicia, que inclúen diferentes accións de vital importancia para a ordenación, desenvolvemento e protección do territorio, a paisaxe e o seu patrimonio cultural co obxecto de alcanzar de forma transversal os obxectivos estratéxicos propostos, argumentou.
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que, tras a aprobación do Consello de Patrimonio Histórico, a candidatura da Ribeira Sacra está xa nunha nova fase, na que é preciso seguir traballando como ata agora, defendeu sobre os seguintes pasos a dar. Neste senso, fixo fincapé en que o obxectivo é lograr a inclusión na Lista de Patrimonio da Humanidade, debido a que a proposta será abordada en 2026 no Comité do Patrimonio Mundial da Unesco.
Vindeiros pasos ata o Comité do Patrimonio Mundial da Unesco
Mª del Carmen Martínez enmarcou a reunión hoxe da Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra nesta nova etapa na que traballa o Goberno galego. Ao respecto, adiantou que, ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco.
Posteriormente, a documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. Trátase de que toda a documentación sexa avaliada polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.