Noticias

O vindeiro luns presentarase o Plan director da automoción na Mesa do Diálogo Social

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarcou hoxe o diálogo constante e permanente que a Xunta vén mantendo con todos os axentes da industria da automoción en Galicia, e avanzou que o vindeiro luns 1 de xullo o Goberno galego elevará á Mesa do Diálogo Social o plan director do sector. En resposta a unha interpelación parlamentaria, Lorenzana subliñou que a Xunta está a concentrar todos os seus esforzos en evitar o risco de deslocalizacións que afronta o sector, e en garantir a competitividade da industria auxiliar e o emprego de calidade e de longa duración.

Ao respecto, adiantou que nos vindeiros días se convocará a liña de apoios de 18M€ aprobada para as empresas de compoñentes e provedoras que lles permitirá facer fronte xa este ano aos gastos en equipamentos ou de investimento en proxectos, con axudas entre 300.000 e 700.000 euros a fondo perdido.

Unha medida que forma parte do plan director da automoción, dixo, e que contrapuxo á baixa execución dos pertes industriais -de 33.566 M€ de orzamento, máis da metade está sen convocar e Galicia tan só é beneficiaria do 5,76 por cento do total resolto (550M€)-; e ao seu mal deseño, posto que os apoios ás empresas tractoras deberían condicionarse a que as compras se fagan no territorio (km0), suxeriu.

Lorenzana apuntou que mentres o Goberno central non atende ás demandas do sector, a Xunta tamén está a valorar, incluso, unha posible modificación dos fondos Feder que lle corresponden a Galicia para beneficiar ás pequenas e medianas empresas do sector de compoñentes.

Outra base de apoio ao sector está na formación, engadiu, vinculada ao proceso de electrificación que atravesa esta industria. Así, desde 2021, 5.237 persoas recibiron formación en especialidades directamente relacionadas coa automoción, ás que hai que engadir os 4.192 alumnos e alumnas das 466 accións formativas impartidas grazas ao convenio de colaboración co Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga) desde 2022 ata a actualidade (2,3M€). Tamén no marco de convenios asinados con outros Clústeres, como o da Asociación Galega do Hidróxeno e Cluergal, impártense especialidades directamente relacionadas coa automoción das que se levan beneficiado máis de 200 persoas. E no eido académico, desde 2021, se impartiron en institutos e centros integrados de FP 69 accións formativas de especialidades relacionadas coa automoción, conducentes a certificado profesional e nas que participaron 854 alumnos das catro provincias.

Xunto con isto, lembrou que a automoción foi un dos sectores declarados, no mes de decembro de 2022, polo Consello da Xunta, como prioritarios na formación para a cualificación e recualificación da poboación activa polas necesidades de captación de persoal cualificado detectadas.

Lorenzana concluíu reivindicando que Galicia está ben posicionada para manter o seu liderado na industria da automoción nos próximos anos e seguir facendo de toda esta cadea de valor un motor económico e social.

R., 2024-06-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES