Noticias

Sete cociñeiros das sete cidades galegas competirán por ser o Mellor Cociñeiro de Tapas 2024

Sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades. Son os ingredientes da gala show cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2024 que organiza a Xunta de Galicia o vindeiro 9 de xullo en Santiago de Compostela na súa estratexia de promoción do turismo gastronómico e urbano. A gala celebrarase no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, unha cita consolidada que vai xa pola súa oitava edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega. Os sete cociñeiros que se disputarán o título foron galardoados nos certames de tapas de cadansúa cidade.

O roteiro que propón Turismo de Galicia inicia en Santiago de Compostela o percorrido pola xeografía galega no sentido das agullas do reloxo ata finalizar en Pontevedra, destacando algúns dos seus principais recursos turísticos urbanos e culturais, xunto coa proposta de tapa representante de cada cidade.

Ao longo do itinerario que achega esta nova edición, as propostas que os chefs presentarán ao concurso constitúen un repaso a algúns dos máis salientables produtos de calidade que definen a gastronomía galega. Os concursantes son Álvaro Pérez Blanco de ArteSana Gastrobar (Santiago de Compostela) coa tapa Estamos como cabras; Manu Triay de Taberna Triay (A Coruña) con Donete recheo de cocido;Adrián Pérez de Sinxelo (Ferrol) con Recordos da miña nenez.

Tamén participa desde Lugo Bret Fernández de Prebe by Bret coa tapa Xurel Black Coupage; Gabi Conde de Restaurante Portovello (Ourense) con A Terma, Kevin Carreño de Nikko Espacio Gastronómico (Vigo) con Nigiri de crokketa de carabineiro e Daniel Carramal de Loaira Xantar (Pontevedra) con trasmallos de neboeiro.

Dous galardóns

Os sete cociñeiros disputarán por dous galardóns. Por unha banda, o premio do xurado profesional, que valorará cada tapa segundo a súa complexidade técnica, creatividade, presentación e sabor. Por outra, o premio do xurado popular, que se elixirá mediante un sistema de televotación.

A cita enmárcase na estratexia que Turismo de Galicia desenvolve para promover este tipo de turismo cultural e de proximidade, a través da cooperación entre as empresas do sector, as asociacións e as institucións.

R., 2024-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES