Noticias

Galicia baixou desde 2019 as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro nun 19,5%

Galicia avanza cara á neutralidade climática a un ritmo tres veces maior que a media de España e da Unión Europea. Desde a aprobación, en 2019, da Estratexia galega de cambio climático e clima 2050 (EGCCE 2050), as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5%, tres veces máis que a media española (6%) e que a europea (6,1%). Nesta liña, no ano 2022 naceu a Alianza galega polo clima, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática. Esta iniciativaque conta xa con máis de 140 entidades adheridas, entre universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que Galicia avanza cara á neutralidade climática a un ritmo tres veces maior que a media de España e da Unión Europea.

Durante a súa visita ás instalacións de Vertex Bioenergy, co gallo da adhesión desta empresa á Alianza galega polo clima, a conselleira salienta que, desde a aprobación, en 2019, da Estratexia galega de cambio climático e clima 2050 (EGCCE 2050), as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5%, “tres veces máis que a media española (6%) e que a europea (6,1%)”.

Nesa liña, logo do desenvolvemento de 139 medidas e do investimento de 1.140 millóns de euros, o Goberno galego aprobou esta mesma semana na reunión do Consello a elaboración dun novo plan rexional integrado de clima e enerxía 2024-2030 para continuar co desenvolvemento da EGCCE 2050 e consolidar a posición da Comunidade como referente na loita contra o quecemento global.

“Estamos facendo o que a cidadanía espera dos seus representantes políticos, que poñan en marcha medidas tanxibles, medibles e comparables, que dan resultados”, aseverou Ángeles Vázquez, quen subliñou que, de cara a seguir progresando na resiliencia da Comunidade, é necesario o apoio e compromiso de todos os axentes da sociedade.

Adhesión de Vertex Bioenergy á Alianza galega polo clima

Así, tal e como lembrou a conselleira, a Xunta promoveu en 2022 a Alianza galega polo clima, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.

De feito, esa iniciativa, que conta xa con máis de 140 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas-, sumou hoxe o apoio de Vertex Bioenergy, que é líder na produción de bioetanol en España. Cómpre indicar que este biocombustible reduce as emisións de gases de efecto invernadoiro en máis dun 70% con respecto aos combustibles fósiles, o que o converte nun instrumento efectivo na descarbonización do sector do transporte.

Logo de asinar o convenio de adhesión co CEO de Vertex Bioenergy, Antonio Vallespir, a responsable autonómica puxo en valor o compromiso ambiental desta empresa e a súa disposición a formar parte desta iniciativa que pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático, o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido, a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Vertex Bioenergy posúe catro instalacións de produción de bioetanol en España e Francia, cunha capacidade total de produción anual de 780 Ml, incluídas as unidades de alcol vínico. Ademais ten unha capacidade de produción de materias primas para pensos para a alimentación animal de 505.000 t anuais e 575.000 MWh de electricidade.

R., 2024-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES