Noticias

A segunda Estratexia da Economía Social da Xunta aspira a xerar máis emprego inclusivo, igualitario e solidario en Galicia

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo en valor hoxe a aposta da Xunta polo emprego inclusivo no peche da xornada Trazando Camiños: oportunidades e aprendizaxes arredor da orientación especializada en persoas con dano cerebral adquirido, que tivo lugar en Santiago e estivo organizada por Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela. A iniciativa busca reflexionar e poñer en común experiencias de inclusión sociolaboral no terceiro sector co obxectivo de crear ferramentas e estratexias para mellorar as taxas de emprego das persoas con dano cerebral.

Neste eido, a Xunta está a desenvolver a segunda Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 coa que se aspira a impulsar a cohesión social e do territorio, xerando emprego inclusivo, igualitario e solidario.

A economía social, en palabras de Mariño, crea emprego inclusivo e, por iso, o Goberno galego aposta por este modelo económico e porque, ademais, xera riqueza no territorio e axuda a fixar poboación no rural. “A nosa aposta polo emprego inclusivo tamén se pon de manifesto no apoio ás entidades que traballan coas persoas máis vulnerables”, destacou e lembrou neste eido os diferentes programas de axudas que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten en marcha. Recordou que este ano estanse a investir 25,75 millóns de euros para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade nos 130 centros especiais de emprego (CEE) rexistrados en Galicia. Esta iniciativa supón un incremento de case un 7% con respecto ao orzamento da última convocatoria anual, a de 2021-2022.

Grazas á nova orde de achegas, o Goberno galego prevé beneficiar case 4.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear máis de 145 postos de traballo indefinido. Ademais, contrataranse 160 profesionais para dar apoio nos centros a 800 persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Con esta iniciativa o Goberno galego está a favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade no sistema produtivo a través dos centros especiais de emprego, un mecanismo que pode servir de tránsito ao seu paso ao mercado ordinario de traballo.

Nos últimos 14 anos, o número de persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia triplicouse, pasando das 1.296 persoas de 2009 ás case 4.000 de 2023.

Outras iniciativas para impulsar o emprego inclusivo en Galicia son as axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cun crédito ampliado a 1,5 millón de euros; así como o programa de formación dual para persoas con discapacidade intelectual nos centros especiais de emprego (CEE) por importe de 6 millóns de euros.

Mariño sinalou, ademais, o proceso de escoita activa que está a reforzar a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coas entidades da discapacidade para seguir impulsando o emprego inclusivo e indicou o apoio da Xunta ás demandas do colectivo na tramitación da nova Lei estatal de economía social co propósito de afianzar esta fórmula empresarial solidaria en Galicia.

R., 2024-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES