
O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. Así o anunciou hoxe o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, durante a presentación da nova oferta musical desta iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia.
Xunto ao director de Turismo de Galicia, tamén participou na presentación o director de Sweet Nocturna, David Lago. Como explicaron, o artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais.
Xosé Merelles indicou que, nesta segunda edición do festival, esperamos que se poda repetir e incluso mellorar o excelente resultado do ano pasado cando se rexistraron máis de 40.000 asistentes en catro cidades entre marzo e novembro e se venderon entradas en 17 países. Recordou que se trata dunha aposta da Xunta de Galicia por apoiar os grandes festivais que son quen de dinamizar turisticamente o destino a través da música e xerar tamén un importante retorno económico nas distintas cidades nas que se desenvolven, engadiu. Tamén recordou que terán, por iso, tamén un importante peso na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030 na que se está a traballar.
Neste sentido, salientou a importancia de que O Gozo Festival diversifique a oferta en distintas cidades diversificando así tamén o noso turismo e que, con concertos como o anunciado hoxe que se celebrará en decembro contribúe tamén a desestacionalizar o noso destino. Este ano están xa programadas sete datas en distintas cidades con máis de 20 artistas confirmados como Queens of Stone, que actuará o vindeiro 18 de xuño na Coruña, ou Maná o 27 de xuño na mesma cidade. O vindeiro 6 de xullo será a quenda de Ed Sheeran no Monte do Gozo, acompañado, entre outros de Bomba Estéreo ou Fillas de Casandra. Tamén está programada unha xornada de música electrónica no mesmo escenario ou o concerto de Loreena McKennit no Auditorio Mar de Vigo.
Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.