Noticias

A oitava edición de No bico un cantar reúne un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós

Foi presentada na Casa do Concello de Ribadavia a oitava edición de No bico un cantar, unha proposta que reunirá este venres a un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós coa interpretación de poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas. Esta proposta que adobía música, poesía e mocidade lévase celebrando ao abrente do verán dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia co obxectivo de unir a música e a tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios profesionais de música e os centros do ensino musical de toda Galicia. Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobrarán vida nas voces de nenas e nenos dos conservatorios das sete cidades galegas.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe na Casa do Concello de Ribadavia a oitava edición de No bico un cantar, unha proposta apoiada pola Xunta de Galicia que reunirá este venres a un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós coa interpretación de poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “é máis cun concerto”. Neste senso, o director xeral de Cultura puxo en valor que se trata dunha xornada de convivencia de nenas e nenos de toda Galicia que, desde o ensaio da mañá do venres e ata as 18 horas do concerto da tarde, “gozan do lugar de acollida e da vivencia dunha paixón compartida; a música”.

Anxo M. Lorenzo incidiu en que este proxecto ten unha clara vocación de divulgación da cultura galega e por iso destacou que se lles poña voz e música este ano —a primeira edición tras a de 2019 pola irrupción que supuxo a pandemia— aos creadores da denominada Xeración Nós “para lembrar e homenaxear o legado extraordinario da revista nacida no abrente do século XX e dos seus artífices”.

Esta proposta que adobía música, poesía e mocidade lévase celebrando ao abrente do verán dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia co obxectivo de unir a música e a tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios profesionais de música e os centros do ensino musical de toda Galicia.

Así, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobrarán vida no castelo de Ribadavia nas voces de nenas e nenos procedentes de conservatorios das sete cidades galegas; de alumnado de cinco centros de ensino musical de municipios de toda Galicia, entre o que se atopa o de Ribadavia; e parte do Coro Infantil da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Deste xeito, segundo se precisou na presentación desta mañá, este coro infantil interpretará Coita de Álvaro delas Casas; Panxoliña, de Vicente Risco; e Ao lonxe e Canta nos hourizontes a vos nova de Ramón Otero Pedrayo.

Ademais, e como todos os anos, contarase cunha obra de encarga da que se vivirá en Ribadavia a súa estrea absoluta. O autor escollido é o compositor Aaron Siebert, quen se detivo nuns versos do señor de Trasalba para ofrecer unha obra nova que cobrará vida na voz dos mozos intérpretes.

De remate, interpretarase o Maio longo de Rosalía de Castro, o xa consagrado himno anual do certame que servirá de ponte para a edición do vindeiro 2025.

No bico un cantar

Unha frase do poema de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Consello da Cultura Galega que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas da nosa terra pero desde un punto de vista musical.

Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario da publicación de Follas novas de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista do concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas. En 2017 fixouse nos poetas mindonienses e, en 2018, nos alalás e transcorreu en Betanzos. A sétima edición celebrouse en Tui e uniu mocidade galega e portuguesa para enxalzar e reforzar os vencellos culturais e patrimoniais que nos unen o país veciño.

R., 2024-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES