
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, adiantou hoxe os principais eixos deste ano, no que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volve contar con Escena Galega como entidade coorganizadora. En representación desta asociación, interveu nesta presentación a súa presidenta, Patricia de Lorenzo. Participou, así mesmo, Ana Triñanes, quen volverá exercer o papel de facilitadora para propiciar e coordinar as reunións das compañías galegas inscritas con preto de 90 responsables de programación cultural de concellos, festivais, feiras e centros de exhibición públicos e privados procedentes de diferentes puntos de Galicia e doutras Comunidades autónomas.
Apertura ao público xeral
De feito, a catro días do comezo están xa pechadas 470 destas xuntanzas. Pero Galicia Escena PRO é tamén un completo escaparate de espectáculos e unha gran festa para a nosa cultura, que inclúe moitas outras actividades arredor da dinamización das artes escénicas feitas no país, sinalou o director de Industrias Culturais, ao tempo que lembrou a apertura da feira ao público xeral que, como en anos anteriores, poderá asistir de balde aos espectáculos programados.
Neste sentido, o piar do programa constitúeno as 23 propostas escénicas seleccionadas, das que 20 se representan en formato completo e outras 12 se compartirán exclusivamente cos profesionais acreditados nas dúas sesións de pitchings. No caso das compañías galegas, unha comisión nomeada por Escena Galega foi a encargada desta escolma, realizada a partir das máis de 70 solicitudes recibidas.
Este ano, ademais, Galicia Escena PRO desenvolve unha nova colaboración con Dansa València, que se suma a que se vén mantendo con MADferia de Madrid nos últimos anos. En virtude destes intercambios, a vindeira semana se presentarán en Santiago a compañía valenciana CienfuegosDanza con Madame e a madrileña Tropos, Teatro de Títeres con La ratita presumida.
En canto ás formacións galegas, atopamos na listaxe espectáculos de teatro para público adulto e para a rapazada, de monicreques e de máscaras, de circo e de danza e artes do movemento, así como propostas híbridas entre moi diferentes disciplinas artísticas. Moitas delas foron producidas, ademais, co apoio económico da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica e do programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego.
Espectáculos galegos seleccionados
Por orde cronolóxica, este ano actúan en Galicia Escena PRO Xarope Tulú con A teteira de Kabul, Os Náufragos Teatro con Noso e A Feroz con Frío o luns 27; Paporrubio con E entón, un xardín, Elefante Elegante con Kyoki, Souvenir con Non é unha canción, SU.MA con Glamping, Antagonista Teatro con Insubmisa, Paula Pier con Eu, Fraude! o martes 28; Raquel Ferradás & Amarelo con Mesura, Tanit Cobas con The Exposure, Barafunda Teatro con A vida, un frenesí, Sarabela Teatro con O dragón de ouro, Colectivo DElas con É difícil fotografar o baleiro o mércores 29, e Pérez&Fernández con Nanai da China, ButacaZero con O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Fran Sieira, Compañía de Danza con Ceibe e Elvi Balboa con Anöa o xoves 30.
O público non acreditado que desexe asistir a estas funcións deberá retirar previamente os convites dispoñibles (un por persoa para cada espectáculo) en horario de 9,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 19,00 h. no Museo das Peregrinacións.
Polo que respecta aos proxectos que se avanzarán nas presentacións breves desta 11ª edición, o primeiro día de mercado será a quenda para #Influencers por NegroLópez, AI! Perfecto por Compañía Humana, Cortello de amor por AmorodioTeatro, Heroes en decembro por Ancoraxe e Vórtice Escénico, Reconversión por Ibuprofeno Teatro, Un deus salvaxe por Talía Teatro e Vitória por Iria Pinheiro. O xoves, a sesión de pitching correrá a cargo de DESFOGA con As terras do mar, SÖA con Collige virgo rosas, Furia Sotelo con Sobre o extravío ou a arte de perderse, Daniel Rodríguez con Traseúnte e Magia en la Manga con Triscos de maxia.
Mesas redondas
Ambas as sesións terán lugar na sede profesional de Galicia Escena PRO, onde se celebrarán tamén dúas mesas redondas: Os retos dunha programación cultural profesionalizada o martes e Inclusión e diversidade o mércores.
Ademais do Museo das Peregrinacións, este ano a Igrexa da Universidade súmase como espazo de exhibición da feira aos xa habituais Auditorio Abanca, Salón Teatro e Teatro Principal. As prazas da Quintana e de San Martiño Pinario repiten, así mesmo, como escenarios para circo e danza, e a Sala Riquela para o concerto programado como actividade paralela, que desta volta ofrecerá Sabela na noite do mércores.
A programación completa pode consultarse na web galiciaescenapro.gal.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.