Noticias

A Xunta xa adxudicou 985 M€ dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou 985M€ de fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) desde a posta en marcha do plan de recuperación. Así, o Executivo autonómico autorizou a publicación de convocatorias por importe de 1.097M€ e adxudicou o 90%, o que supón 'un grado de execución moi razoable', tal e como sinalou o titular da Administración. Segundo o informe analizado hoxe na reunión do Consello, na actualidade, a suma dos recursos do MRR asignados polo Goberno central á Administración galega ascenden a 1.545 M€, o 5,8 % do distribuído entre as comunidades autónomas, o que supón menos recursos dos que corresponderían á comunidade por PIB per cápita.

Desa cantidade, “foron transferidos á Xunta 1.430 M€, polo que faltaría por chegar o 8%”, indicou. Hai que lembrar que estes fondos pódense executar ata o ano 2026.

Ademais, unhas 48.000 persoas e case 5.000 entidades e sociedades, beneficiáronse dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia executados polo Goberno galego ata finais do primeiro trimestre de 2024.

As actuacións concéntranse nas compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia relacionadas coa mobilidade sustentable, as enerxías renovables, as políticas públicas para o mercado de traballo, a renovación e ampliación do Sistema Nacional de Saúde, a implantación da Axenda Urbana, a dixitalización, a modernización do sistema educativo, a economía dos coidados e a inclusión social.

“Somos moi reivindicativos para pedir axilizar os fondos retidos do Goberno Central e para poder facer esta esixencia temos que ser meticulosos e áxiles”, asegurou.

Neste sentido, con respecto á dotación dos PERTES, cos que se financian os proxectos transformadores público-privados, dos máis de 41.000 M€ anunciados e de xestión exclusiva do Goberno central, tan só se publicaron 21.224 M€, é dicir, o 52%. Destes, ademais, só se adxudicaron 13.421 M€, que representan o 33% dos fondos destinados a proxectos estratéxicos. Deste importe, o 4,6% corresponde a proxectos en territorio galego, 615,5 M€.

“Evidentemente, hai unha diferenza entre a adxudicación que fai a Xunta e o Goberno central e por iso volvemos reclamar que se cambie unha vez máis o sistema tan centralizado no reparto deses fondos”, apuntou Rueda.

R., 2024-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES