
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do libro Razón de historia, un volume dirixido polo catedrático Ramón Villares que se encadra na celebración dos 100 anos cumpridos por estes estudos no curso pasado.
Na súa intervención, o representante do Goberno galego convidou a celebrar a fonda tradición e legado destes estudos aos que se referiu como unha clave para entender a Galicia contemporánea. Os que pasamos por esta facultade, no meu caso tanto como estudante como profesor, temos a sorte de formar parte dunha gran comunidade educativa e profesional xunto con algúns dos nomes máis brillantes da historiografía española e europea e os miles de mozos e mozas que hoxe continúan adquirindo coñecemento, sinalou Román Rodríguez antes de referirse a persoeiros como Antonio Eiras Roel, Xosé Ramón Barreiro ou Ramón Otero Pedrayo.
Neste senso, gabou o traballo feito pola Universidade de Santiago de Compostela ao longo dos anos e a súa capacidade para avanzar de xeito parello ao curso da sociedade e adaptar o ensino da historia para ofrecer un maior entendemento da realidade pasada, presente e futura. O historiador é unha figura transversal que abrangue coñecementos de moitos eidos, pero que ten un obxectivo concreto: ampliar a visión da poboación e por iso é importante que os estudos ofrezan unha formación o máis ampla posible, como se fai en Santiago, puntualizou.
O volume presentado hoxe en Santiago nun acto no que tamén estivo o reitor da USC, Antonio López, está feito baixo a dirección do catedrático Ramón Villares e afonda na evolución da Facultade de Xeografía e Historia a través de estudos, biografías e testemuños directos, ofrecendo unha obra coral e ilustrada que proporciona unha estampa rigorosa e de calidade dun centro universitario senlleiro que, durante décadas, foi a única licenciatura ofrecida na USC no eido das Humanidades.
Foto: Wikipedia
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.