
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego na industrialización do sector lácteo da comunidade co obxecto de acadar o 75 % do leite transformado en Galicia para o ano 2025.
É un obxectivo ambicioso, pero realista xa que progresamos moito nos últimos anos, argumentou en referencia á que Galicia xa industrializa arredor do 63 % do seu leite, á vez que se ten convertido na comunidade que produce o 42 % do leite de vaca de España. Rueda fixo estas valoracións na queixería do Grupo Entrepinares, cuxas instalacións en Vilalba (Lugo) visitou hoxe, acompañado do conselleiro de Medio Rural en funcións, José González.
Precisamente, o mandatario galego en funcións gabou a implicación con Galicia de industrias lácteas como a de este grupo e amosou toda a disposición do Goberno galego en seguir apoiando con medidas iniciativas deste tipo que xeran riqueza e emprego local.
Galicia potente, tamén no rural
En concreto, a Xunta destina 30 millóns en axudas ao sector para á transformación e á comercialización de produtos agrarios. E nesta mesma liña de pulo ao sector, Rueda apuntou o apoio do Goberno galego aos plans de crecemento destas industrias. Así, puxo como exemplo concreto a declaración de Iniciativa Empresarial Prioritaria do proxecto de ampliación en Vilalba da queixería Entrepinares que xa está en marcha cun investimento de 19 millóns de euros.
Segundo indicou, esta ampliación permitirá atender a demanda crecente que está a rexistrar e suporá a creación duns 40 empregos directos, que se suman aos preto de 300 que o grupo xa ten en Galicia.
O presidente en funcións incidiu no compromiso do Goberno galego en seguir ofrecendo facilidades ao sector e á industria láctea e tamén á actividade agrogandeira co obxecto de contribuír a construír e consolidar unha Galicia potente, tamén no rural .Este é o camiño que hai que seguir e no que comprometo todo o apoio da Xunta, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.