Noticias

O primeiro estudo económico da industria musical galega cifra o seu impacto en 227,7 m€ e 3250 empregos

A industria musical galega ten un efecto global na economía de Galicia de 227,7 millóns de euros e implica unha xeración de emprego de 3250 postos de traballo, valores que resultan da suma dos impactos directo, indirecto e inducido. Estas son as cifras que recolle un informe pioneiro de autodiagnose do sector impulsado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e realizado por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O informe, titulado 'Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades', recolle valores do ano 2022 mediante un proceso de investigación social e económica con rigor académico.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación dun avance dos datos principais que desvela esta investigación, á que se referiu como “unha avaliación minuciosa sobre o peso específico da industria musical para Galicia” que sitúa á nosa Comunidade como a primeira do Estado en ofrecer unha análise tan pormenorizada deste ámbito profesional e artístico.

No acto, ao que asistiron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e diversos profesionais do ramo, interviñeron Patricia Hermida, presidenta de AGEM, e os docentes da USC María Bastida e Miguel Ángel Vázquez Taín, autores do estudo. Estes debullaron a metodoloxía e as claves deste traballo, posto en marcha desde o colectivo asociativo co apoio da Xunta para acadar unha ferramenta central que fundamente a toma de decisións no avance do desenvolvemento do sector.

Área estratéxica

Román Rodríguez expresou o seu recoñecemento respecto ao eido musical como un dos máis importantes para Galicia e como área estratéxica tanto polo seu impacto cultural como polo seu peso laboral e económico no conxunto da nosa Comunidade, cunhas particularidades que xustifican a análise específica que agora proporciona este informe. “Esta singularidade define a música como unha disciplina capaz de xerar conexión positivas con outros sectores produtivos, como o turismo ou a educación”, afirmou.

Valorou tamén que o estudo incide na gran profesionalización, alta cualificación, capacidade de adaptación e positivo nivel de asociacionismo das persoas que traballan nas empresas musicais, o que se traduce nunha das industrias culturais máis rendibles. Neste sentido, confrontou os datos de investimento público cos de actividade económica directa obtidos, o que equivale a triplicar en beneficios a inversión realizada nunha área “que é motor de emprego, de riqueza e de benestar persoal e profesional”, engadiu.

O titular de Cultura do Goberno galego, quen destacou o papel clave da música como un dos principais vehículos de transmisión da lingua galega dentro e fóra das nosas fronteiras, concordou cos desafíos actuais do sector identificados no documento, como son a adaptación ás novas tecnoloxías, o apoio ao novo talento, o avance nas cuestións laborais ou a mellora das infraestruturas. Neste sentido, indicou a necesidade de “garantir que os nosos profesionais gocen da maior competitividade fronte aos mercados globais, e que o fagan respectando a esencia galega que define o seu traballo”.

Valorización cuantitativa e cualitativa

O informe, titulado Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades, recolle valores do ano 2022 mediante un proceso de investigación social e económica con rigor académico, mediante a sistematización de información baseada en cuestionarios cuantitativos respondidos por axentes do sector e grupos de enfoque para plasmar puntos de vista de índole máis cualitativa. Co resultado obtido, Galicia sitúase á vangarda na valorización e comprensión deste eido da súa industria, como tamén no recoñecemento do seu valor socioeconómico, así como no fomento da transparencia e na visibilidade do uso eficiente dos fondos públicos.

O estudo identifica unha industria con características similares ás definidoras do resto do tecido empresarial de Galicia, con pequenas empresas, uso intensivo do traballo autónomo e elevada fragmentación, pero con gran potencial de crecemento e profesionalización. Ademais, malia a alta temporalidade e estacionalidade no emprego, atópase un tecido de profesionais altamente cualificados, que exhiben unha grande implicación e un profundo compromiso coa súa arte, coa súa creatividade e capacidade de xeración de contido innovador como principais activos.

Efecto multiplicador e de retorno

O informe mostra que, cun investimento público de 53,6 M€, a industria musical xera unha actividade económica de 181,6 M€, cun efecto multiplicador de 3,38 puntos. Esta actividade ten un impacto directo e indirecto sobre a economía, ao que debe engadirse o inducido sobre outros sectores que se activan arredor, especialmente a hostalería e o turismo. Todo isto tradúcese nunha demanda, e con ela nun incremento da produción en Galicia duns 227,7 M€, que implican unha xeración de emprego duns 3250 postos de traballo equivalente a xornada completa en termos anuais, o que representa case que o 0,3% do total do emprego en Galicia.

Esta mobilización de actividade xera un retorno significativo en ingresos públicos, estimados nuns 33 M€, dos que uns 6,67 lle corresponderían a Galicia no marco do sistema de financiamento autonómico. Deste xeito, un 62% das axudas concedidas retornan ao sector público.

O traballo tamén cifra en 6000 os eventos musicais celebrados en Galicia en 2022, o que supuxo unha recadación aproximada de 6M€ ou que a súa actividade ese ano foi cofinanciada a través de 53.696.000 euros de subvencións públicas procedentes das distintas administracións e 19.600.000 euros por patrocinios.

R., 2024-01-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (sancaetano-bandeiras.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que as novas medidas para paliar os efectos da guerra de Irán aprobadas polo Goberno central terán 'un impacto directo nas arcas autonómicas' xa que Galicia 'deixará de ingresar máis de 120 millóns de euros' nos tres meses que estas medidas estarán inicialmente en vigor. As medidas con impacto fiscal anunciadas polo Goberno central enfócanse na redución do IVE e dos impostos especiais para os carburantes, electricidade e gas. Ao estar estes tributos cedidos ás Comunidades Autónomas, o impacto derivado da menor recadación repártese entre o Estado e as autonomías, en función da porcentaxe de cesión(no IVE é do 50%, nos impostos especiais do 58%).
Foto de la tercera plana (emigracion-maletas.jpg) O número de emigrantes galegos —persoas que naceron en Galicia e residen no exterior— volve baixar un ano máis en 2.006 persoas, continuando a tendencia dos últimos exercicios. En paralelo, a poboación galega total que reside no exterior increméntase debido ás novas inscricións de persoas descendentes de galegas e galegos nacidas no estranxeiro, ata acadar os 563.303 (incremento de 15.051 persoas, un 2,75%) a 1 de xaneiro de 2026, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

Notas

Do 23 de abril ao 8 de maio celebrarase a 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). Co lema O espazo que ti habitas, traerá a diferentes espazos escénicos da cidade unha vintena de espectáculos nos que as aulas de teatro e danza dos diferentes campus da Universidade de Vigo terán un papel destacado. A cita foi presentada este martes no Teatro Principal de Ourense por representantes das entidades que financian ou apoian a actividade.
Unha vez finalizado o prazo para a imposición de recursos contra a proclamación provisional da reitora electa, a USC publicou este luns 23, de acordo cos prazos establecidos no calendario electoral, a proclamación definitiva da profesora Rosa Crujeiras Casais. O acto de toma de posesión terá lugar o 10 de abril, ás 11.30 horas, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES