Noticias

Máis do 70 % dos autobuses da frota do transporte público autonómico conta coa etiqueta verde da categoría C e case o 22 % é eco

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que máis do 70 % dos autobuses que conforman a frota do transporte público autonómico conta coa etiqueta verde da categoría ambiental C e case o 22 % é eco. Vázquez Mourelle, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe en Coirós na inauguración da primeira estación de servizo de Galicia con combustible 100 % renovable, impulsada por Repsol. A conselleira puxo en valor o compromiso do Goberno galego nese obxectivo común e compartido con Repsol pola descarbonización da mobilidade.

Esta aposta tense traducido nos últimos anos na construción de máis de 250 quilómetros de sendas para peóns e ciclistas cun investimento autonómico de 50 M€. Ademais, segundo indicou, terán continuidade e completarase coas sendas metropolitanas que se están a promover nas cidades, como a que conectará ou Milladoiro, a intermodal e o complexo de San Caetano, en Santiago.

A conselleira tamén fixo fincapé na aposta sen precedentes realizada pola administración autonómica polo transporte público como modo de transporte máis sostible, máis accesible e máis económico para o conxunto da cidadanía.

Ethel Vázquez referiuse ao esforzo titánico realizado na renovación do transporte público autonómico, coa modernización de todas as liñas de transporte interurbano, pasando de 900 a máis de 3.500 na actualidade, e de 1,48 millóns de servizos ao ano a ofrecer na actualidade 2,3 millóns de servizos.

Isto, tal e como concretou a conselleira, permitiu multiplicar a cobertura territorial, ao pasar de 20.0000 paradas ás 56.000, achegando o transporte público a todos os galegos e permitindo que máis do 90 % da poboación teña un punto de acceso ao transporte público a menos de 1 km da súa casa.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta referiuse, ademais, á mellora das tarifas, abaratando con carácter xeral o prezo do billete e establecendo un amplo abanico de descontos que facilitan o acceso ao transporte público e incentivan o seu uso.

Salientou a medida social que supón a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 160.000 mozos de menos de 21 anos viaxan gratis no transporte público da Xunta, iniciativa á que a partir do 1 de xaneiro se sumará a gratuidade tamén para os maiores de 65 anos, co que Galicia volverá ser pioneira, incidiu.

A conselleira remarcou o compromiso do Goberno galego pola sustentabilidade ambiental, en liña cos obxectivos de desenvolvemento sostible e o Green Deal, o Pacto Verde que propugna a Comisión Europea, que significa avanzar tamén cara a unha maior calidade de vida.

Ethel Vázquez sinalou que o compromiso pola sustentabilidade ambiental levou á Xunta a poñer en marcha novas modalidades do transporte, como o transporte compartido que permite aproveitar as prazas baleiras do transporte escolar, e o transporte baixo demanda.

Puxo o acento, ademais, no impulso da renovación da frota, situándose hoxe a idade media dos autobuses que prestan servizo no transporte interurbano da Xunta en 5,7 anos de antigüidade fronte á media nacional, que supera os 11 anos.

R., 2023-11-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES