Noticias

A taxa de actividade emprendedora en Galicia acada o segundo mellor resultado en trece anos

A porcentaxe de poboación con vontade de emprender en Galicia durante os vindeiros tres anos sitúase no 8,5%, cifra que evidencia a "restauración da confianza" no fenómeno emprendedor e "permite prever un maior crecemento" deste tipo de actividade nos próximos anos. Ademais, a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) na comunidade galega elevouse ata o 5,4%, 0,6 puntos máis que en 2021, sendo o segundo valor máis alto dende 2010 e moi próximo ao acadado nos últimos dez anos (5,6% en 2018). Estas son algunhas das principais conclusións que achega o Informe GEM Galicia 2022-2023.

O documento elaborado por un equipo pertencente ás tres universidades galegas e coordinado dende a USC reúne anualmente datos de 2.000 individuos (poboación adulta de 18 a 65 anos) e dun panel de persoas expertas dos distintos ámbitos do ecosistema emprendedor galego. Con esta información e cunha metodoloxía propia do proxecto internacional Global Entrepreneurship Monitor, o equipo analiza a evolución anual da actividade emprendedora, o perfil da persoa emprendedora, as características das iniciativas emprendedoras e as condicións da contorna para emprender en Galicia.

O reitor da USC Antonio López, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites inauguraron a xornada de presentación do Informe no que as profesoras da USC Loreto Fernández e Isabel Neira deron conta das principais conclusións do estudo.

Emprendemento feminino

No referido ás mulleres, o informe, que elabora a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa CEG e a Xunta, amosa que o emprendemento feminino segue a crecer, cunha taxa de actividade emprendedora feminina que se sitúa no 6,7%, por encima da media deste indicador e case un punto e medio máis que en 2021 (5,3% en 2021). As iniciativas lideradas por mulleres mostran unha propensión a innovar, tanto en produto ou servizo (31%) como en tecnoloxía ou proceso (30%), e fano en maior medida que as promovidas por homes (18% e 26%, respectivamente).

No relativo á idade, a poboación emprendedora galega é máis nova que noutras ocasións, xa que a metade atópase entre 35 e 44 anos. É dicir, a porcentaxe de persoas deste grupo de idade que están a emprender achégase ao 11%, taxa máis alta de toda a serie analizada en todos os tramos de idade. Ademais de máis novos, son, do mesmo xeito que a xeración á que pertencen, máis formados: o 51% das emprendedoras e o 41% dos emprendedores teñen estudos universitarios. Destaca tamén a profesionalización, no sentido de que o 16% no caso feminino e o 18% no masculino cursaron un ciclo de formación profesional. A formación específica para emprender e a educación financeira son tamén características clave no proceso emprendedor. Así, tres de cada catro persoas emprendedoras afirman ter coñecementos medios ou altos sobre emprendemento en xeral e sobre finanzas de modo particular. O documento destaca tamén que, entre as persoas emprendedoras, un 8% teñen algún grao de discapacidade e un 14% son inmigrantes.

O informe GEM, ademais, como novidade este ano, inclúe unha monografía, no capítulo 6, sobre o papel da economía social en Galicia, que representa o 7% do PIB autonómico e implica a máis de 100.000 persoas na comunidade. Neste senso, o estudo GEM salienta que o modelo da economía social é cada vez máis valorado, sobre todo para as persoas con formación universitaria, e sinala a existencia dun maior interese por algunha das fórmulas de economía social nas empresas de recente creación.

R., 2023-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES