
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron hoxe en Dumbría o Hotel Boutique Mar do Ézaro, un dos preto de 400 establecementos adheridos ata o de agora á campaña do Bono Turismo da Xunta coa que se fomentan as viaxes dos galegos en Galicia durante o outono.
Alí valorou o excelente comportamento que está a amosar o turismo en Galicia, despois de dous Anos Santos consecutivos, e que se traduce en que ata setembro a Comunidade rexistrou máis de 5,7 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 11 millóns de noites, tanto nos establecementos hoteleiros (hoteis e pensións), como extrahoteleiros (apartamentos, campings, albergues e turismo rural). Falamos dun incremento do 6,4% en número de viaxeiros aloxados e do 6,1% en canto as noites neste ano, expresou.
Neste sentido, indicou que estes bós datos veñen impulsados pola boa afluencia de viaxeiros só no mes de setembro. Como revelan os datos do INE que hoxe fixo públicos sobre os establecementos extrahoteleiros, só nestes establecementos o número de viaxeiros medrou un 21% ese mes. A estes súmanse os datos en hoteis e pensións xa coñecidos a semana pasada e que dan como resultado que só en setembro máis de 865.000 viaxeiros se hospedaron nos establecementos de aloxamento galegos. Isto supón un incremento de media do 9% en todos os establecementos só en setembro.
Xosé Merelles indicou que o turismo en Galicia está a vivir un bo momento de xeito cuantivativo pero tamén cualitativo, con melloras tamén na rendibilidade hoteleira durante todo o ano. Segundo os datos do INE, rexistráronse nos nove primeiros meses deste 2023 os mellores niveis de rendibilidade hoteleira desde que se teñen rexistros, superando nun 7% os niveis do ano pasado en un 26% nos do ano 2019, o ano inmediatamente anterior á pandemia.
Desestacionalización en outono
En relación a estas cifras, Xosé Merelles confiou en que esta tendencia positiva de setembro continúe tamén en outono para o que se conta con iniciativas como o Bono Turismo. Neste sentido, agradeceu a excelente resposta dos galegos ante a descarga o pasado venres en tempo récord dos 10.000 Bonos Turismo da Xunta e animou a todos os beneficiarios a que agora poidan descubrir e redescubrir Galicia empregándoos ata o 25 de decembro. De feito, como dixo, só na primeira fin de semana mobilizáronse máis de 53.000 euros nos establecementos adheridos e máis de 18.000 euros de descontos a cargo da Xunta.
Tamén salientou a boa acollida que está a ter a iniciativa entre o sector, con preto de 400 empresas adheridas como o Hotel Boutique Mar do Ézaro que hoxe visitou. Recordou, ademais, que as empresas aínda están en prazo para seguir sumándose. Poden facelo a través de www.bonoturismo.gal, ata o 1 de decembro.
O director de Turismo salientou a importancia desta iniciativa para desestacionalizar a actividade turística, facilitando as viaxes neste outono e contribuíndo tamén a apoiar o sector, xa que temos previsto mobilizar nestes meses ata 2,5M.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.
O ciclo 'Primeira Fila' fomentará a visibilidade de novos talentos musicais, impulsado pola Fábrica de Chocolate co obxectivo de apoiar a proxección de artistas e bandas e facilitar o seu encontro co público nas salas de concertos de Galicia. O ciclo, que arrincou en maio e xa percorreu as salas de Melide e Santiago de Compostela, continuará en xaneiro con sete novas propostas. A actividade retomarase o 21 de xaneiro en La Conservera, (Viveiro), con 9Louro e Monoulious DOP. No mesmo espazo actuarán Eladio y los Seres Queridos e Capital Voskov, o 13 de febreiro, así como Marisa Valle Roso, o día 20. O 20 de febreiro Taïn ofrecerá un concerto na Sala Jagger, en Lugo, mentres que Santi Araújo estará o 27 de febreiro na Sala Arca de Noé, en Vilar de Santos.