
O directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na segunda reunión de stakeholders -grupos de interese- galegos que forman parte do proxecto europeo Down to Earth, do que a axencia é o socio líder. Esta iniciativa, na que están presentes entidades públicas e privadas de Eslovenia, Italia, Alemaña, Grecia, Países Baixos e Romanía, busca xestionar os problemas ambientais vencellados ao cambio climático en áreas rurais especialmente sensibles ao reto demográfico.
As distintas entidades que participan, contan con competencias e responsabilidades, tanto directas como indirectas, sobre as cuestións nas que traballan. A procura de solucións para reducir o risco e o impacto das catástrofes medioambientais no rural despoboado e atraer poboación a aquel que estea ameazado por ditos desastres, son os seus obxectivos.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aposta firmemente por este proxecto e é a entidade que máis aporta, cun investimento superior aos 250.000 euros procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Ademais, mantén o seu compromiso de coordinar as transferencias de información e coñecemento entre os socios que constitúen o eixo central do proxecto.
Nos grupos de interese galegos, para os que se destinou a reunión de hoxe, atópanse as universidades de A Coruña, Santiago e Vigo; a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, diferentes direccións xerais da Consellería do Medio Rural e de Política Social e Xuventude; e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Na xornada abordáronse os resultados do estudo da visita a Campobasso (Italia), presentouse o informe rexional sobre riscos medioambientais, despoboamento e rural galego, e rematouse cunha sesión interactiva entre todos os participantes.
Tres liñas de actuación
Down to Earth dispón de varias temáticas de traballo que teñen en conta a realidade de cada un dos territorios implicado. A primeira son os riscos ambientais vencellados ao despoboamento e ao envellecemento da poboación nas áreas rurais. A segunda, as barreiras de acceso ao rural despoboado e envellecido para a xente nova que quere incorporarse ao sector primario. Por último, traballan nos instrumentos para fortalecer o papel dos actores de dito sector na loita contra o cambio climático e a prevención dos riscos ambientais nas áreas rurais.
Para levalas a cabo, as sesións de traballo inclúen visitas de campo ou talleres dixitais e tamén a elaboración de informes territoriais sistemáticos e conclusións operativas para a toma de decisións sobre o terreo. En definitiva, este proxecto europeo permitirá amosar as posibilidades e potencialidades das aldeas modelo, das que Galicia conta con 21 aprobadas a través da Lei de recuperación de terra agraria, e do proxecto Aldeas intelixentes.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade.