Noticias

Os produtos galegos do mar rompen fronteiras

Os peixes e mariscos galegos están dándose a coñecer tanto no territorio nacional como no exterior grazas ao traballo conxunto da Xunta de Galicia e das empresas da comunidade. Trátase dunha estratexia que comezou hai máis de dez anos e que, desde entón, vén adaptándose ás demandas dos consumidores, para dar a coñecer os produtos do mar (frescos, conxelados, en conserva ou noutras presentacións) e poñer en valor a súa calidade e o traballo dos profesionais ao longo de toda a cadea de produción.

Isto conséguese grazas a campañas de promoción como GALICIA SABE AMAR e á participación en feiras de alimentación nacionais e internacionais que están conseguindo aumentar ano tras ano as cifras de exportación dos produtos do mar galegos, que chegaron en 2022 a máis de 2.700 millóns de euros facturados malia os problemas derivados da guerra en Ucraína e do encarecemento da enerxía e das materias primas.

Para acadar estes resultados é fundamental a experiencia e traxectoria das empresas galegas da cadea mar-industria, que acoden a diversas feiras, en solitario ou da man da Consellería do Mar, para dar a coñecer os seus produtos. Nesta liña, a Xunta xa estivo ou vai estar presente en importantes feiras internacionais como Gulfood Dubai, Foodex Japan, a Seafood Expo North America, Tutto Food Milán, a Summer Fancy Food Show de Nova York, a Seafood Expo Asia, Expomar Cabo Verde ou Anuga Colonia. A elas engádense outras nacionais como a Aquafuture Spain de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela, Salimat Abanca en Silleda, Conxemar Vigo, San Sebastián Gastronómika, Xantar Ourense ou Gastrónoma Valencia.

Galicia sabe amar

A participación nestas feiras ten lugar no marco da campaña GALICIA SABE AMAR, posta en marcha en 2021 para promocionar os produtos galegos do mar e agradecer o traballo dos pescadores galegos. Continuaba así o traballo realizado en 2020 coa campaña “Compra produto fresco do mar. Estamos no mesmo barco”, desenvolvida durante a alerta sanitaria do COVID para agradecer o extraordinario traballo desenvolvido pola flota naquelas circunstancias.

Ademais, outras campañas impulsadas pola Xunta de Galicia poñen en valor recursos máis específicos, como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, así como os produtos elaborados (conservas ou conxelados). Deste xeito, preténdese incrementar os ingresos do sector marítimo-pesqueiro e facelo máis rendible e atractivo para as novas xeracións, destacando o seu papel de referente español e europeo na produción e comercialización de produtos do mar.

Novidades de 2023

A campaña GALICIA SABE AMAR incorporou no ano 2023 catro foodtrucks para percorrer numerosos concellos españois dos Camiños de Santiago ofrecendo petiscos elaborados a base de produtos certificados do mar de Galicia para mostrar a súa versatilidade e calidade animando así a veciños e visitantes a mercalos e consumilos. Comezou no mes de febreiro en Galicia e seguiu despois por outras comunidades, pero agora está de volta en Galicia tras chegar a máis de 230.000 persoas.

Estas catro furgonetas ofrecen 10 pinchos diferentes a base de produtos certificados do mar -como os amparados polo selo pescadeRías, berberecho de Noia, bonito do norte ou Mexillón de Galicia- xunto a outros produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe Protexida como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan ou as patacas. Pódese consultar toda a información en www.galiciasabeamar.xunta.gal ou nas redes sociais da Consellería do Mar.

Resultados

Como resultado de todas estas accións, as cotizacións nas lonxas galegas encadearon varios máximos históricos nos últimos anos. En 2022 o prezo medio acadou os 3,26 euros o quilo, unha cifra un 30% superior á media da serie histórica, que se remonta ao ano 2002. Este incremento nos ingresos e na rendibilidade da actividade permite amortecer as dificultades económicas derivadas da guerra en Ucraína e da inflación e mellorar a sustentabilidade dos recursos pesqueiros.

Nunha comunidade como a galega, que conta con máis de 60 lonxas nas que se comercializan arredor de 300 especies diferentes entre peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos (aos que debemos engadir os procedentes da acuicultura, como o mexillón, ou da industria transformadora), é fundamental desenvolver políticas para poñer en valor estes recursos da máxima calidade e recoñecido prestixio.

A importancia do sector marítimo-pesqueiro na economía galega queda patente polo feito de que ten interacción con 76 das 83 ramas económicas identificadas en Galicia. Ademais é un sector que cada ano factura preto de 9.000 millóns de euros, chegando en 2022 a superar os 2.700 millóns de euros de exportacións, e con actividades moi diversas como a pesca, o marisqueo, os cultivos mariños, a transformación de produtos do mar ou a súa depuración. A esta inxente actividade danlle servizo máis de 120 portos que xeran unha importante actividade económica na súa contorna ao tempo que definen o carácter das súas xentes así como a cultura e o patrimonio de moitas localidades costeiras.

R., 2023-09-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES