Noticias

Galicia reivindica o seu papel como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegal

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou o papel de Galicia como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada pois contribúe a formar inspectores de todo o mundo para frear estas prácticas irregulares. Fíxoo durante a inauguración do III Curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto, coordinado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación MarInnLeg.

O representante do Executivo galego lembrou que esta acción formativa vai pola terceira edición e que nos últimos anos contribuíu a capacitar a profesionais de Sudamérica e de África en materia de loita contra as actuacións ilícitas no sector pesqueiro. Por iso, aseverou que Galicia e o porto de Vigo son exemplos de boas prácticas e de compromiso coa explotación sustentable dos recursos.

Neste sentido, lamentou as informacións vertidas nos últimos tempos contra a comunidade galega e o peirao vigués cuestionando o seu labor de control da actividade pesqueira e salientou o traballo exemplar que realizan todos os profesionais do mar e dos portos galegos. Ademais, cualificou de totalmente inxusto que, de xeito arbitrario, se poña en dúbida a boa reputación que este sector gañou nas últimas décadas froito dun intenso traballo e esforzo para acabar coas prácticas irregulares.

Alfonso Villares incidiu tamén en que a Xunta de Galicia leva anos facendo un importante esforzo para mellorar os seus medios terrestres, marítimos e aéreos de loita contra a pesca ilegal así como colaborando co resto de corpos e forzas de seguridade do Estado, coa Axencia Europea de Control da Pesca e outros organismos internacionais. A pesca ilegal, engadiu, é un problema que afecta aos ámbitos fiscal, laboral, comercial, sanitario e medioambiental, polo que comprometeu o máximo esforzo do Executivo galego na loita contra ela.

O conselleiro do Mar sinalou ademais que as prácticas irregulares poñen en risco o futuro do sector e que a frota galega é consciente desa realidade, polo que leva décadas facendo unha pesca sostible, responsable e respectuosa cos recursos mariños. Boa mostra diso é que a maioría dos caladoiros nos que faenan os buques galegos se atopan en niveis de rendemento máximo sostible, o nivel de capturas que garante a continuidade da actividade a longo prazo.

O curso

A formación impartida nas instalacións da Autoridade Portuaria de Vigo chega xa á súa terceira edición, desenvolverase entre hoxe e o 28 de setembro e está dirixida a inspectores de pesca de Perú, Ecuador e Colombia. Na primeira edición participaron profesionais de Ecuador, Costa Rica, Panamá e Perú e na segunda de Guinea Conakri, Madagascar e Mauritania.

Nas xornadas lectivas participan expertos dos servizos de inspección da Axencia Europea de Control da Pesca, da FAO, da Secretaría Xeral de Pesca do Goberno central e da Consellería do Mar, entre outros. Por iso, o titular de Mar aproveitou a ocasión para desexar ao alumnado unhas produtivas xornadas e agradeceu a súa contribución a que as boas prácticas que defende Galicia na loita contra a pesca ilegal se estendan a outros países do mundo.

R., 2023-09-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES