Noticias

Detectados por primeira vez en Galicia exemplares de mosquito tigre

A Xunta de Galicia informa da detección no Concello de Moaña de exemplares do mosquito aedes albopictus, comunmente chamado ‘mosquito tigre’. O goberno autonómico conta cunha Rede Galega de Vixilancia de Vectores que identificou durante o ano pasado máis de 6.000 exemplares de mosquitos con potencial interese pola súa capacidade de ser vectores de transmisión de enfermidades. Desde a posta en marcha do novo Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control das enfermidades transmitidas por vectores, Galicia colabora tamén co CSIC no impulso do proxecto de ciencia cidadá ‘Mosquito Alert’, que facilita a participación da cidadanía na achega de información sobre presenza de mosquitos.

Precisamente mediante ese método e grazas á colaboración dun veciño da localidade de Moaña se detectou a presenza de exemplares que, tralo estudo por parte da Rede Galega de Vixilancia de Vectores, se certificou que pertencían a esta especie, que é a primeira vez que se detecta na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este mosquito é un potencial transmisor de enfermidades como os virus do dengue, chikungunya ou Zika. En consecuencia, o protocolo previsto no Plan Nacional leva a tomar medidas para previr o risco, aínda que non se puido aínda confirmar a presenza de ningún destes virus nos exemplares existentes en Moaña. De feito, a presenza deste mosquito noutras comunidades autónomas españolas non produciu circulación destes virus agás casos illados de dengue detectados en 2018 e 2019.

Comité técnico de coordinación

No marco do protocolo establecido no Plan Nacional de Prevención, Vixilancia e Control, a Xunta constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que xa foron solicitados representantes aos departamentos autonómicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, á área sanitaria de Vigo e ao propio Concello de Moaña.

Este comité, coordinado pola subdirección xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da dirección xeral de Saúde Pública, reunirase nos vindeiros días para planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito co obxectivo de controlala para evitar a súa dispersión, así como reforzo da vixilancia epidemiolóxica ante posibles casos de picaduras e a difusión de consellos para a poboación á hora de evitar a proliferación de mosquitos e a súa picadura.

Información e consellos para a poboación

Recoméndase á poboación da zona afectada o mantemento de boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picadura. As picaduras son moi molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

O ‘mosquito tigre’ cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana, polo que se recomenda revisar cada 4 ou 5 días lugares como bebedeiros de mascotas, floreiros ou pratos situados baixo as macetas para evitar que se creen hábitats propicios para a instalación do mosquito.

Por outra banda, a Xunta de Galicia agradece a colaboración cidadá na detección de presenza deste mosquito. A app Mosquito Alert permite enviar unha fotografía de mosquitos detectados para que sexan analizados por expertos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Rede Galega de Vixilancia de Vectores que a Xunta mantén en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

O mosquito aedes albopictus ou ‘mosquito tigre’ caracterízase pola súa coloración negra intensa cunha liña branca lonxitudinal central en tórax e cabeza e as súas patas a bandas negras e brancas. O seu tamaño pode oscilar entre os 5 e os 10 milímetros.

Foto: Wikipedia

R., 2023-08-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.
Foto de la tercera plana (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES