
O titular do Goberno galego resaltou que Juan Pardo é un dos emblemas da escena cultural galega e española da segunda metade do século XX. Nado en Palma de Mallorca en 1942, aínda que criado en Ferrol, Pardo formou parte de varios dos grupos máis importantes da década dos anos 60 como Los Pekenikes, Los Brincos o Juan y Junior. Entre os seus éxitos, Rueda destacou a inmortal Anduriña ou o disco íntegramente en galego que publicou en 1976 baixo o título Galicia, miña nai de dous mares.
Outra das artistas que este ano será condecorada coa Medalla de Galicia é Luz Casal, nada en Boimorto en 1958 e autora de numerosos éxitos así como de temas para bandas sonoras de películas tan recoñecidas como Mar adentro, El bosque animado ou Tacones Lejanos. Ademais é a precursora do Festival de la luz que se celebra cada ano na súa vila natal e conta con outras distincións como a Medalla Castelao en 2010, un premio Goya a mellor canción orixinal, o Premio Nacional de Músicas Actuais en 2015 ou o recente nomeamento como Comendadora das Artes de Francia. É unha das artistas máis destacadas a nivel galego, nacional e internacional desde a década de 1980, indicou o presidente autonómico.
Por último, o Consello aprobou hoxe distinguir tamén coa Medalla de Ouro de Galicia ao gaiteiro Carlos Núñez, un dos difusores da cultura celta e un dos embaixadores máis salientables da música galega no mundo, resaltou Rueda. Nado en Vigo en 1971, a cultura celta está presente en todos os seus traballos musicais e mesmo no libro La hermandad de los celtas. Descuberto por The Chieftains nun concerto en Vigo, colaborou por primeira vez con eles en 1989 e desde entón compartiron escenario en múltiples ocasións. Conta con diferentes recoñecementos como a Medalla Castelao en 2010 ou un Premio Ondas e leva vendidos máis dun millón de discos en todo o mundo.
As Medallas de Ouro de Galicia son a máxima distinción que concede a comunidade autónoma. O pasado ano recibiron este recoñecemento persoas que destacaban pola súa contribución a difundir o Camiño de Santiago mentres que en 2020 e 2021 foi para os sanitarios que se encargaron de atender pacientes ou da vacinación durante a pandemia.
As distincións serán entregadas nunha gala que se celebrará o vindeiro 24 de xullo.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.