Noticias

A Xunta recibe unha nova listaxe da Sareb que reduce a 187 as vivendas que ten dispoñibles en toda Galicia

A Xunta acaba de recibir unha nova relación de vivendas dispoñibles en Galicia propiedade da Sareb na que a entidade financeira reduce agora a só 187 os inmobles que están actualmente en comercialización na Comunidade e reúnen as condicións necesarias para o seu uso. Esta nova comunicación prodúcese a raíz da reunión mantida a finais de xuño entre o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, e representantes da Sareb, un encontro durante o cal o responsable autonómico volveu demandar concreción sobre o parque residencial do que dispón actualmente en Galicia e información detallada sobre a situación particular de cada inmoble.

Así, das 187 vivendas incluídas na última listaxe recibida, só 20 están localizadas en municipios galegos cun número elevado de demandantes, concretamente, 2 no concello de Vigo e 18 no de Ferrol. Pola contra, na relación facilitada pola Sareb non se inclúe ningún inmoble localizado nas outras 5 cidades galegas.

Ademais, a meirande parte das vivendas das que dispón a entidade en Galicia, segundo a última comunicación remitida ao IGVS, atópanse na provincia da Coruña (un total de 155). Na de Lugo so inclúe 6 vivendas e na de Pontevedra, 26. A provincia de Ourense non está presente na devandita lista.

Sareb comunica que tamén dispón de 869 vivendas que ou ben están sen rematar, ou teñen algún tipo de problema que impide a súa comercialización. En todo caso, deste total, só 103 se localizan nunha cidade galega: concretamente, a meirande parte delas están no concello da Coruña (86), mentres que en Vigo non existe ningunha en construción ou pendente de comercializar.

Á vista destes novos datos, polo tanto, redúcese aínda máis o número de vivendas das que dispón a sociedade bancaria en Galicia, xa que cómpre lembrar que, inicialmente, o Goberno central anunciara que había arredor de 500 vivendas en condicións de uso, cifra que despois rebaixou a pouco máis de 300 e agora, a 187.

Por último, a Sareb tamén comunicou á Xunta as parcelas de solo que ten dispoñibles en Galicia, un total de 1.008 pero ningunha delas emprazada nas 7 grandes cidades, que son as que concentran o groso da demanda residencial na Comunidade.

R., 2023-07-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES