Noticias

Galicia reivindica políticas pesqueiras europeas que aposten polo rigor científico e pola implantación gradual para protexer a frota

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou a necesidade de que as políticas pesqueiras de Bruxelas conten co maior rigor científico posible e aposten por unha implantación gradual para facilitar a adaptación da frota. O titular de Mar salientou durante a clausura da X Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca que o cariz medioambientalista que está a tomar a Comisión Europea nos últimos tempos é inaceptable e que non poden repetirse casos como o veto á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias.

O representante do Executivo galego lembrou que a frota galega sempre realizou unha pesca respectuosa co medio ambiente e que unha das súas prioridades é a protección dos recursos, pois é consciente de que o seu estado biolóxico é clave para garantir a actividade no futuro.

Non obstante, lamentou, o sector atópase nos últimos tempos con numerosos atrancos procedentes de Bruxelas como os plans para eliminar a pesca de arrastre nas zonas protexidas ou os plans de descarbonización da frota, que se pretenden poñer en marcha de forma abrupta sen contar con combustibles alternativos aos de orixe fósil e sen poñer a disposición do sector fondos adicionais para adaptarse a eses cambios.

Por iso, o conselleiro do Mar apelou á necesidade de que todas as decisións que se adopten no seo de Bruxelas conten con informes biolóxicos e socioeconómicos exhaustivos, sexan froito dun intenso diálogo coas partes implicadas, habiliten fondos para poñelas en práctica e establezan un marco temporal flexible para que ninguén quede polo camiño.

Alfonso Villares puxo como exemplo a transición ecolóxica, unha cuestión que Galicia apoia, pero na que defende a necesidade de que se aborde con planificación. Neste sentido, lembrou que os investimentos dos armadores para a construción de novos buques son importantes e que aínda non hai combustibles alternativos aos de orixe fósil, polo que a transición enerxética non pode ser real se non se poñen a disposición do sector os fondos necesarios para avanzar na investigación e na transformación neste eido.

Ademais, incidiu, é preciso investir tamén en mellores embarcacións para impulsar a remuda xeracional, un dos principais retos aos que se enfronta a Política Pesqueira Común (PPC) actual e ao que non consegue dar resposta. De feito, o titular de Mar reiterou que Galicia lamenta que Bruxelas descarte revisar a súa política pesqueira malia que non dá resposta a moitos desafíos futuros da actividade coma este.

O evento

A Conferencia Internacional ARVI sobre o futuro da pesca, que vai xa pola súa décima edición, celebrouse en Vigo baixo o título A estratexia de biodiversidade e a descarbonización da frota pesqueira da UE. A xornada de onte contou coa participación de representantes do sector e institucionais para abordar A estratexia de biodiversidade comunitaria: incidencia na futura soberanía alimentaria da pesca e a de hoxe tivo como título A descarbonización do sector pesqueiro: Que estratexia de transición enerxética é posible para a pesca comunitaria?

O conselleiro do Mar agradeceu á Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) o seu constante labor de análise e debate dos retos do sector pesqueiro galego e puxo en valor o papel destas conferencias internacionais tanto para buscar solucións como por ser un punto de encontro no que poñer en común as distintas visións do sector. Por iso, desexou que despois destas 10 edicións cheguen moitas máis pois sería un síntoma de boa saúde da frota pesqueira galega.

, 2023-06-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES