Noticias

Galicia defende a rebaixa do IVE dos produtos do mar para reactivar o seu consumo e recoñecer o labor do sector pesqueiro

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu hoxe en Baiona a necesidade de rebaixar o IVE dos produtos do mar para reactivar o seu consumo e valorizar o labor esencial do sector pesqueiro como subministrador de alimentos de calidade á cidadanía. Nesta liña, sinalou que esta medida contribuiría a incentivar o movemento do mercado, a aliviar a situación das familias -especialmente as de aquelas con baixos ingresos- e a mellorar as previsións de crecemento económico. Así o expuxo na inauguración do 23 Congreso Aecoc de produtos do mar, onde estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.

Alí o titular de Mar tamén lembrou que Galicia leva anos solicitando ao Goberno central a redución do IVE dos produtos do mar do 10 ao 4 % para igualar o tipo fiscal ao doutros países da UE.

A isto engadiu que a reticencia do Goberno central a atender esta demanda, reiterada tamén en varias ocasións polo sector, sitúa a España nunha posición de desvantaxe competitiva en relación con outros Estados membro. Neste caso puxo o exemplo de Portugal, que recentemente asinou un acordo cos sectores da produción e a distribución para eliminar o IVE dos peixes de maior consumo, un feito, subliñou, que debería sentar un precedente para o Executivo español.

En canto ao importante papel do sector e á vocación marítima de Galicia, Alfonso Villares salientou que Galicia desembarca máis do 11 % do produto fresco da UE e en acuicultura produce o 14 % do total dos 27.

Ademais destacou o alto impacto da actividade marítimo-pesqueira no conxunto da economía galega pois incide no 91 % das ramas empresariais tal e como reflicten as Táboas input-output da pesca-conserva galega 2019, que cifran nuns 9.000 millóns de euros o volume de produción e comercialización da cadea mar-industria. Tamén puxo de relevo os 2.700 millóns de euros en exportacións acadados no 2022.

Na súa primeira intervención como conselleiro do Mar, Alfonso Villares tamén recoñeceu o labor da súa predecesora, Rosa Quintana, a prol do sector marítimo-pesqueiro. Unha figura, sinalou, moi valorada en Galicia por todo o que deu ao sector e todo o que lle seguirá dando. Ademais agradeceu ao presidente da Xunta a oportunidade que lle brindou e que asume con gran responsabilidade.

En relación coa Asociación de Fabricantes e Distribuidores (Aecoc), o conselleiro puxo en valor o labor das máis de 32.000 empresas que a conforman e que permitiu progresar e medrar o seu carácter cooperativo entre todos os elos da cadea de valor.

O evento

Aecoc celebra o seu 23º congreso de produtos do mar co obxectivo de ser a cita de referencia das empresas socias da entidade, entre as que se atopan representantes das distintas actividades relacionadas co complexo mar-industria, desde o sector primario ata a industria, a distribución e os operadores intermedios. A finalidade é mellorar a competitividade do sector compartindo solucións e analizando os retos aos que se enfronta o mercado en cada momento.

Nesta edición do congreso abordaranse temáticas como a baixada do consumo de produtos do mar, a adaptación da oferta aos hábitos de consumo, o impacto da economía azul e o incremento da regulación das pesqueiras, entre outras cuestións. Para iso o encontro ofrece aos profesionais espazos de networking nos que intercambiar ideas, compartir inquedanzas e explorar posibles proxectos de colaboración.

R., 2023-06-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES