Noticias

O desemprego en Galicia é o menor en 27 anos e por primeira vez se sitúa por debaixo das 139.000 persoas

Galicia acadou no mes de maio a menor cifra de persoas desempregadas de toda a serie histórica (1996), desde hai 27 anos, e por primeira vez o dato se sitúa por debaixo das 139.000 persoas. A cifra menor ata o de agora reflectiuse o pasado mes, en abril de 2023, cando se contabilizaron 139.343 persoas sen emprego. O paro, con respecto a hai un ano e na comparativa con abril, caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quen valorou hoxe os datos do paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social, sinalou que é “unha cifra récord” e apuntou que o desemprego baixou e as cotizacións aumentaron tanto na evolución anual como mensual.


Máis polo miúdo, na evolución anual o paro diminuíu nun -8% (-11.686 persoas). Por sectores, liderou o descenso o primario (-17,74%), seguido da industria (-13,95%), da construción (-10,89%) e dos servizos (-7,20%).

Por colectivos prioritarios, decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-12,67%) seguido das mulleres (-6,91%) e dos parados de longa duración (-3,15%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2005). Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun maio desde 2009.

As afiliacións, pola súa banda, continúan a superar a barreira do millón, situándose a cifra (1.059.085) a un nivel superior ao reflectido hai 14 anos, en maio de 2009.

Comparativa mensual

En canto á comparativa co mes pasado, o paro tamén diminuíu en Galicia, nun -3,52% (-4.909), o que sitúa á comunidade autónoma como a terceira rexión onde máis caeu o paro en termos absolutos e a cuarta en relativos. Por sectores económicos, liderou a caída a construción (-3,94%), seguido dos servizos (-3,76%), da industria (-3,56%) e do primario (-2,41%). As afiliacións tamén creceron na comunidade galega, nun 0,84% (+8.770).

Ao respecto, Lorenzana destacou que Galicia duplica a baixada rexistrada na media das comunidades autónomas, xa que no Estado o desemprego decreceu nun 1,77%; e puxo de manifesto que o número de afiliacións creceu máis (+8.770) que a cifra de persoas que saíu do paro (-4.909), o que significa que a comunidade está a crear novos postos de traballo. Indicou así mesmo o bo comportamento de sectores relevantes para a economía galega como son o primario, a industria e a construción.

A conselleira, para rematar, fixo un chamamento ás empresas para que sigan a trasladar as súas vacantes a través da nova ferramenta tecnolóxica EMi, que sincronizará nas oficinas de emprego a oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial. Referiuse tamén á Estratexia Galicia Retorna, que permitirá que os emigrantes galegos que queiran volver á súa terra poidan atopar aquí un traballo, e explicou a importancia de traballar “na calidade do emprego, non só na cantidade” para crear traballo indefinido, xa que recordou que preto do 25% da totalidade de contratos indefinidos asinados en maio foron na modalidade de fixos descontinuos.

En definitiva, Lorenzana sinalou que “é preciso seguir a traballar coas políticas activas de emprego que están a garantir o bo comportamento do emprego en Galicia, apoiado pola boa evolución da economía”, engadiu. Neste último senso, lembrou que hai un días o IGE publicou que a economía galega medrou un 1,1% entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018.

R., 2023-06-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES