
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nos obradoiros de dixitalización promovidos por Asime e que afondaron, desta volta, no sector naval e nas posibilidades que ofrece a enerxía eólica offshore. Durante a súa intervención, Guldrís puxo en valor a importancia que ten a dixitalización como factor determinante para o crecemento e a competitividade dos sectores chave da nosa economía, e avanzou a próxima convocatoria dunha nova edición das axudas á Dixitalización Industria 4.0.
Un programa, lembrou Guldrís, que permite impulsar a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, favorecendo modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía. O director do Igape destacou que estas axudas levan mobilizados máis de 50 millóns de euros desde a súa posta en marcha, sumando máis de 1.000 solicitudes.
Neste sentido, Guldrís sinalou que o Goberno galego traballa no coñecemento e a conciencia sobre as vantaxes e oportunidades que ofrece a dixitalización nos distintos ámbitos da industria galega. Un obxectivo para o que tamén se impulsan obradoiros dixitais como os celebrados hoxe, que buscan promover a adopción de tecnoloxías dixitais e boas prácticas para incrementar a competitividade e fortalecer a capacidade de resposta ante os desafíos do mercado.
É importante destacar que estes obradoiros, promovidos por organismos intermedios, como é o caso de Asime, fináncianse ao 100 %. E os datos avalan a boa acollida desta iniciativa xa que, desde o ano 2018, apoiáronse máis de 100 obradoiros, o que supuxo un volume de axudas de 1.858.000 euros, resaltou o director do Igape.
Deste xeito, os obradoiros configúranse como espazos de encontro que permiten o intercambio de experiencias e o establecemento de redes de colaboración entre os participantes. A través de ferramentas como os talleres de design thinking e a presentación de casos de éxito, facilitánse alianzas empresariais que impulsen a innovación, a transferencia de coñecemento e a xeración de proxectos colectivos.
Neste sentido, este ciclo de obradoiros permitiu explorar tanto a relación entre o sector naval e conceptos como o xemelgo dixital, ciberseguridade, visión artificial e realidade aumentada, como a intersección entre a enerxía offshore e conceptos como a economía circular, o Internet das cousas (IoT), o Big Data e o Cloud computing.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.