
A Xunta celebra a declaración do novo Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal, unha decisión que deu a coñecer hoxe mesmo a Unesco e que converte a esta zona, localizada ao norte da provincia da Coruña, na segunda en lograr esta distinción internacional no caso de Galicia.
O Comité Executivo da Unesco reuniuse hoxe en París para acordar a inclusión de 18 novos espazos na Rede Mundial de Xeoparques, que deste xeito pasa a estar integrada por 195 lugares pertencentes a 48 países e cunha superficie equivalente a dúas veces o tamaño de Reino Unido.
No caso concreto de Cabo Ortegal a única incorporación española, a Unesco salientou que esta zona ofrece algunhas das testemuñas máis completas de Europa da colisión que orixinou o supercontinente Pangea, hai ao redor de 350 millóns de anos, un proceso coñecido como oroxénese varisca. De feito, a maioría das rocas deste xeoparque emerxeron á superficie naquel momento das profundidades da terra.
O novo Xeoparque Mundial de Cabo Ortegal abrangue unha superficie terrestre de case 632 km2 repartidos entre 7 municipios Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño e cunha gran riqueza e variedade xeolóxicas.
De feito, esta nova declaración por parte da Unesco sumarase ao resto de distintivos e figuras de protección cos que xa conta este ámbito: catro zonas de especial conservación, dúas de especial protección de aves, dúas áreas de protección Ramsar e dous humedais protexidos.
Cómpre lembrar que a etiqueta de xeoparque mundial foi creada no ano 2015 para recoñecer o patrimonio xeolóxico de importancia internacional, apostando por combinar a súa conservación coa divulgación pública e un enfoque de desenvolvemento sostible para que estes lugares presten tamén un servizo ás comunidades locais.
En abril do ano 2019 as Montañas do Courel se converteron no primeiro Xeoparque Mundial da Unesco en Galicia. Coa incorporación agora de Cabo Ortegal, cuxa candidatura recibiu desde o primeiro momento o apoio expreso da Xunta ante os distintos comités nacionais encargados de valorar as propostas, a Comunidade pasa a ter 2 dos 16 xeoparques declarados en España.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.