Noticias

As universidades galegas conxelarán por décimo terceiro ano consecutivo os prezos das súas matrículas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai manter conxelados os prezos das matrículas universitarias cara o vindeiro curso académico 2023-2024, o que supón continuar coa política de contención de taxas que o Goberno galego leva aplicando desde hai 13 anos. Isto, asegurou, sitúa un ano máis a Galicia como a comunidade cas taxas universitarias máis baixas do país. Rueda resaltou que Galicia foi pioneira na conxelación dos prezos universitarios hai máis dunha década e en apostar por un modelo que agora están a replicar outras comunidades. 'Hai trece anos que os prezos de matrícula son exactamente os mesmos. É dicir, os estudantes galegos pagan de taxas universitarias o mesmo que pagaban no ano 2011', destacou o presidente.

O Consello avaliou hoxe un informe sobre o proxecto decreto polo que se fixarán os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o vindeiro curso. Nel establécese que, por décimo terceiro ano consecutivo, os prezos das matrículas universitarias para graos ou másteres nas tres universidades públicas galegas vanse manter conxelados, ”o que supón un aforro de entre 16 e 20 millóns anuais para as familias galegas”, segundo subliñou o presidente. Rueda indicou que, desde 2011, o aforro acadado aos fogares galegos ascende “a 230 millóns de euros”.

As taxas universitarias mantéñense invariables, cun prezo medio de 11,89 €/crédito para todas as primeiras matrículas de grao e de máster non habilitantes (enfocados á especialización de coñecemento ou á investigación científica) e habilitantes (necesarios para exercer unha profesión). Isto fai que Galicia sexa a comunidade máis barata do Estado nos estudos de máster non habilitante e a segunda no caso dos graos e de máster habilitante (tan só superada por Canarias a moi pouca distancia).

Esta medida supón un aforro de entre os 215,40 €/curso de aforro para un estudante de grao, os 236,40 €/curso para un estudante dun máster habilitante e os 962,40 €/curso no resto de máster universitarios.
Matrículas de grao

No caso das matrículas de grao, o prezo medio manterase por décimo terceiro ano consecutivo en 11,89 €/crédito, o que supón un aforro de 3,59 euros con respecto aos 15,48 €/crédito de media de España, o que sitúa a Galicia como a segunda comunidade más barata tras Canarias.

As de grao acaparan o 88 % do total de matrículas do Sistema Universitario Galego, polo que, con esta conxelación de taxas, un estudante galego de grao pode aforrar, con respecto á media de España, un total de 215,40 euros ao curso en matrículas.

Matrículas de máster

No que atinxe aos másteres, de cara ao vindeiro curso mantéñense conxeladas de novo as taxas dos másteres habilitantes e non habilitantes, tamén cun prezo medio de 11.89€/crédito.

No caso dos másteres habilitantes (necesarios para exercer unha profesión), Galicia ocupa o segundo lugar con prezos máis baratos tras Canarias. A taxa media de matrícula para estes estudos mantense nos 11,89€/crédito (igual que os de grao e máster non habilitante), cun aforro de 3,94 € con respecto ao prezo medio do Estado, que se sitúa nos 15,83 €/crédito. Isto fai que as familias galegas cuxos fillos cursen o vindeiro ano un máster habilitante nalgunha das universidades públicas galegas aforren unha media de 236,40 euros por curso en comparación coa media de España. As matrículas nesta modalidade representan o 4 % do conxunto do sistema.

No caso dos másteres non habilitantes, Galicia é a comunidade máis económica, cun prezo medio de 11,89 €/crédito, polo que o aforro medio para o vindeiro ano para un estudante galego será de 16,04 €/crédito con respecto á media estatal (situada en 27,93 €/crédito), o que sumará un aforro por alumno de 962,40 €/ano. O alumnado que cursa este tipo de máster non habilitantes representa o 7,76 % do sistema.

R., 2023-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES