
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, asistiu esta mañá á reunión do Comité Executivo de Enerxía do Consello Galego de Economía e Competitividade para informar do anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.
Tal e como trasladou, o documento está na fase de información pública para recibir achegas que permitan mellorar a futura norma co obxectivo de contar cunha lei froito do consenso e a participación.
O texto legal conta cun título preliminar e sete títulos nos que se regulan diferentes aspectos como o obxecto da norma e a definición dos beneficios sociais e económicos; a análise integral á que serán sometidos os proxectos que fan un uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras e as de producción de enerxía a partir de fontes renovables; ou a constitución dunha sociedade mixta que poderá ser titular de proxectos de aproveitamento de recursos.
A futura lei tamén contempla a creación dun canon para gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques da enerxía eólica mariña, o desenvolvemento dos proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais, así como a creación dun fondo da Xunta de Galicia para a recuperación de territorios afectados por incendios e que contará con achegas de empresas, o impulso dun sistema voluntario de créditos de carbono ou a xestión de biorresiduos.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.