
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou hoxe na celebración do Día de Europa organizada pola Axencia Europea de Control da Pesca a que Bruxelas aposte polo europeísmo en todos os eidos e endereite o rumbo da súa política pesqueira. Neste sentido, defendeu a necesidade de que o Executivo comunitario adopte medidas coherentes e rigorosas que contribúan a fortalecer a Unión Europea e evite outras como o veto á pesca de fondo, que xeran rexeitamento e fan que se estenda o euroescepticismo en moitos ámbitos.
A representante do Executivo galego asegurou que Galicia é unha comunidade plenamente comprometida cos principios fundadores da UE, pero que a deriva mediambientalista que está tomando a Comisión Europea fai que o sector pesqueiro teña constantemente sensación de abandono e de que as autoridades europeas descoñecen a realidade da actividade extractiva.
Nesta liña, Rosa Quintana asegurou que é necesario que Bruxelas reflexione sobre as medidas que está a adoptar e os seus efectos tendo en conta malos precedentes de desafección europeísta como a saída do Reino Unido da Unión Europea. Decisións afastadas da realidade como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado ou os plans para prohibir o arrastre nas áreas mariñas protexidas, incidiu, son exemplos de políticas que prexudican ao sector pesqueiro e provocan a desaprobación dos profesionais do mar.
A titular de Mar lembrou que a frota galega está comprometida coa protección dos recursos e dos ecosistemas, pois o seu futuro depende deles, e que está a favor de adoptar medidas con ese obxectivo, pero baseadas en estudos rigorosos e actualizados tanto científicos -do estado dos ecosistemas- como socioeconómicos do seu impacto.
Ese traballo previo, lamentou, non se fixo cando o ano pasado se prohibiu a pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias, unha situación que, aseverou, non se pode repetir no proceso que está en marcha para revisar este veto nin nos plans da Comisión Europea para restrinxir a actividade de artes de pesca móbiles como o arrastre.
Día de Europa
A conselleira, que estivo acompañada polo subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, salientou o sentimento europeísta de Galicia e do seu sector marítimo-pesqueiro ao tempo que enxalzou o labor realizado nos últimos quince anos pola Axencia Europea de Control da Pesca, que converteu Vigo en centro neurálxico da Europa pesqueira. Neste sentido, salientou o crecemento deste organismo na defensa dos intereses da frota comunitaria e na protección dos seus mares coas últimas tecnoloxías e os mellores equipamentos.
Por iso, Rosa Quintana comprometeu na conmemoración do Día de Europa -que se celebra o 9 de maio- a colaboración de Galicia coas institucións europeas na busca do mellor futuro para o sector do mar confiando en que a senda da cooperación e a unidade é o camiño a seguir. Nesta liña, incidiu en que a aposta pola Galicia mariñeira e polos seus profesionais é clave para avanzar na sustentabilidade da actividade e conseguir máis Galicia e máis Europa.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.