
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que dende hoxe os establecementos interesados poden adherirse a unha nova convocatoria do Bono Activa Comercio. Aneiros visitou o negocio Cloti&Fifí con motivo do lanzamento desta iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Nesta terceira convocatoria, o Bono Activa Comercio da Xunta conta cun orzamento de 2,5 M e permitirá mobilizar 8,5 M en ventas, tal e como avanzou a representante do Goberno galego durante a visita. A Xunta segue a manter o seu compromiso co pequeno comercio e coas familias neste contexto de alza de prezos, co obxectivo de reducir o impacto que a inflación está a ter na súa economía, explicou.
As persoas consumidoras poderán descargar a partir do próximo 15 de maio na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. O importe irase reducindo en función do valor da compra en diferentes tramos: para compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30, correspóndelles un desconto de 5 euros; para iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50, a rebaixa será de 10 euros; mentres que para compras a partir de 50 euros o desconto alcanzará os 15 euros.
Os bonos, que terán un formato dixital QR, estarán dispoñibles para a súa descarga e uso ata o 15 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.
Como novidade desta convocatoria e, coa finalidade de optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargar os bonos, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance o crédito previsto (2,5 M), os bonos descargados xa non se poderán empregar.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.