
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participaron hoxe na presentación do proxecto RuralYouthFuture, que contou con representación de todas as asociacións socias. Trátase dunha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa de cooperación interrexional Interreg Europe que busca potenciar o emprego xuvenil de calidade e a creación de postos de traballo para a mocidade nas áreas rurais.
A Fundación Galicia Europa lidera este proxecto no que tamén participan entidades de Eslovenia Bélxica, Bulgaria, Estonia, Letonia e Portugal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude no marco do programa Euroxuventude.
RuralYouthFuture vai dirixido á mocidade que vive en zonas rurais e se enfronta a unha serie de dificultades de cara á súa inserción laboral (conexión dixital, despoboamento...), cuestións que son comúns entre as diferentes rexións de España e Europa. O proxecto ten interese en impulsar o desenvolvemento rural sustentable, facilitando o acceso da mocidade que vive en zonas rurais a novas oportunidades laborais.
Durante a presentación do proxecto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou a elección do proxecto liderado pola Fundación Galicia Europa fronte numerosas candidaturas. Do mesmo xeito, salientou os obxectivos de RuralYouthEurope, entre eles, eliminar as desigualdades entre o rural e o urbano, coa creación e a consolidación de novas oportunidades que reduzan a fenda existente mediante o intercambio de boas prácticas e a promoción e aprendizaxe de novos sistemas que xeren traballo para a nosa mocidade.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado animou as asociacións participantes neste proxecto a que presenten propostas concretas que afiancen e poñan e valor o sentimento de orgullo de ser un mozo que pode vivir e traballar en ou desde o rural coas mesmas oportunidades que desde o ámbito urbano e, se cadra, con mellor calidade de vida. Neste sentido, indicou que para conseguir esta meta queda camiño por diante e moitos retos compartidos por todos os países que necesitan resposta, pero amosouse confiada en que entre todos sexamos capaces de contribuír a dar solucións e compartir as boas prácticas que actualmente existen.
EuroXuventude
A plataforma EuroXuventude é o espazo para a mocidade galega no que poden consultar os proxectos e oportunidades que lles ofrece a Unión Europea. EuroXuventude pretende promover unha mocidade e cidadanía galega activa e participativa no proceso de construción comunitaria.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.