
Galicia rexistrou no primeiro trimestre deste ano un 22,5% máis de viaxeiros respecto ao mesmo período do anterior, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Deste xeito, Galicia rexistrou en xaneiro un total de 717.562 viaxeiros e 1,3 M noites cunha estadía media de 1,8 noites. Os establecementos hoteleiros (hoteis e pensións) acadan unha porcentaxe de ocupación que supera nun 19% a do ano pasado, con 624.867 viaxeiros e 1,1 M noites.
Os establecementos extrahoteleiros, que engloban apartamentos turísticos, cámpings turismo rural e albergues incrementan tamén a súa ocupación en preto dun 52% con respecto ao primeiro trimestre do ano pasado, onde destaca especialmente a ocupación nos albergues que supera o 140%. En total, os establecementos extrahoteleiros recibiron 92.695 viaxeiros en 168.355 noites.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.