Noticias

O Observatorio da Vivenda de Galicia advirte do risco de que a futura lei estatal bloquee a promoción de novas vivendas protexidas

O Observatorio da Vivenda de Galicia, órgano de carácter consultivo adscrito á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, advertiu de que a aprobación da Lei polo dereito á vivenda nos seus termos actuais podería provocar un bloqueo na construción de novas vivendas protexidas por parte dos promotores privados. Os membros do Observatorio coincidiron en manifestar a súa preocupación polos posibles impactos negativos que podería ter esta lei sobre o mercado da vivenda en xeral e, concretamente, no do alugueiro, causando distorsións e efectos mesmo contrarios aos que se perseguen.

Antes de presidir a reunión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que en resposta á “grande inquedanza” xerada tras facerse público o contido da futura normativa, considerou necesario convocar “con carácter urxente” o Observatorio, no que están representados promotores e axentes inmobiliarios, asociacións relacionadas co mundo da vivenda, arquitectos e administracións locais, entre outros, co fin de fixar unha postura común desde Galicia.

Ao respecto, os membros do Observatorio da Vivenda de Galicia coincidiron en manifestar a súa preocupación polos posibles impactos negativos que podería ter esta lei sobre o mercado da vivenda en xeral e, máis concretamente, no do alugueiro, provocando distorsións e efectos mesmo contrarios aos que se perseguen.

En concreto, consideraron que a obriga introducida no proxecto de destinar a arrendamento o 50 % das vivendas protexidas que se constrúan en solo de reserva, desincentivará a construtores e cooperativas á hora de implicarse neste tipo de promocións ante a falta de expectativas de lograr un retorno económico inmediato.

“Nós xa temos unha imaxe clara de cara a onde nos vai levar esta lei e por iso agardamos que se retroceda ou que polo menos se nos dea unha explicación”, declarou a conselleira, quen incidiu na importancia de que o Goberno central reúna a todas as Comunidades canto antes para falar sobre unha norma que, recordou, afecta a unha materia na que os Gobernos autonómicos teñen as súas propias competencias.

Neste sentido, lembrou que xa se dirixiu por carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o pasado 14 de abril para pedirlle a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial de Vivenda e Solo, petición á que se sumou hoxe o Observatorio da Vivenda de Galicia e que aínda segue sen recibir resposta a pesar, como sinalou a conselleira, da necesidade de “claridade e transparencia” que require un asunto de “tanta transcendencia” como é a vivenda.

Por último, Vázquez Mejuto comprometeuse a trasladar durante esa reunión e en nome tamén do Observatorio da Vivenda de Galicia un documento que recolla as conclusións, achegas e inquedanzas compartidas hoxe entre todos os seus membros coa intención de que o Goberno central coñeza as súas obxeccións e rectifique naqueles aspectos máis preocupantes e desincentivadores. E engadiu que, cando haxa un texto definitivo, a Xunta estudará as posibles accións a adoptar en defensa dos intereses da Comunidade.

R., 2023-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES