Noticias

A Xunta desminte calquera cesión de tecnoloxía sanitaria do Sergas á sanidade privada

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, desmentiu hoxe no Parlamento, ante unha pregunta da oposición, a existencia de calquera cesión de tecnoloxía sanitaria de titularidade autonómica á sanidade privada para obtención de beneficios. Aboal concretou que, no ano 2015, a Xunta adxudicou diversos contratos de adquisición de equipamento tecnolóxico, parte dos cales obtiveron financiamento por parte da Fundación Amancio Ortega. No caso concreto da área sanitaria da Coruña, o acelerador lineal e o PET-TC adquiridos puxéronse a disposición, mediante un convenio asinado no ano 2016, do Consorcio Oncolóxico de Galicia, un consorcio público autonómico creado mediante decreto no ano 2008 polo goberno bipartito.

Este ente está adscrito como consorcio autonómico á Comunidade Autonómica de Galicia, e así figura tanto no Inventario de entes do sector público do Ministerio de Hacienda como na relación dos consorcios autonómicos dos informes do Consello de Contas sobre o sector público autonómico. O dominio deste consorcio é eminentemente público, encabezado pola administración autonómica, que ostenta máis do 57% da titularidade xunto a un 14,3% do Concello da Coruña. Só o 28,5% da participación corresponde a unha entidade privada, a Fundación Centro Oncolóxico, unha fundación sen ánimo de lucro dirixida por un padroado do que forman parte cargos públicos como o conselleiro de Sanidade ou a alcaldesa da Coruña.

O convenio do ano 2016 aclara que non existe cesión da titularidade dos equipos, que sigue sendo do Sergas, senón unha posta a disposición do Consorcio dos mesmos, que decide que se localicen nas instalacións da Fundación Centro Oncolóxico seguindo o marcado por un convenio asinado o 8 de maio de 2008 entre Xunta e Fundación, no cal se consolida a prestación da radioterapia e medicina nuclear dos pacientes do Sergas do norte de Galicia neste centro.

En concreto, o dito convenio incluía como primeira cláusula a de “Subscribir o presente convenio como manifestación do interese común que posúen as partes de prestar a asistencia sanitaria especializada en materia oncolóxica”. Posteriormente, o Decreto 141/2008, do 19 de xuño, polo que se constitúe e regula a composición e funcións do Consorcio Oncolóxico de Galicia recolleu, na súa exposición de motivos, que “a importancia da asistencia sanitaria en materia de oncoloxía esixe e xustifica a concepción e o deseño dun consorcio como organización idónea para facilitar a acción conxunta e coordinada das administracións públicas e institucións implicadas a través dun marco estable”, ou que “o Consorcio Oncolóxico de Galicia concíbese así como un instrumento executivo de esforzo combinado entre as entidades que o integran coa finalidade do aproveitamento eficiente de todos os recursos sanitarios en materia de oncoloxía, de xeito que se garanta aos cidadáns unha asistencia integral, de calidade e en condicións de igualdade”.

É dicir, as actuacións rubricadas polo goberno bipartito consideraron que a organización idónea para facer un aproveitamento eficiente dos recursos sanitarios en materia de oncoloxía era consolidar esa colaboración entre o Sergas e a Fundación Centro Oncolóxico e a atención dos pacientes Sergas neste último.

Futuro traslado dos equipos ao Novo CHUAC

Nese contexto, toda vez que a estrutura asistencial fixada por eses acordos establece que as prestacións de radioterapia e medicina nuclear do norte de Galicia se realizarán nas instalacións da Fundación Centro Oncolóxico, a única alternativa posible cando o Sergas adquiriu novos equipos de radioterapia e medicina nuclear, foi poñelos a disposición do Consorcio creado en 2008 para colaborar con esta Fundación.

Aboal lembrou que esta situación mudará grazas ao plan funcional do Novo CHUAC aprobado en 2020, que posibilitou a redacción dun Plan Director dun proxecto arquitectónico da obra que incorporará áreas de radioterapia e medicina nuclear dentro das instalacións hospitalarias do Sergas na Coruña, mentres que os pacientes da área de Lugo teñen xa área de radioterapia no HULA con aceleradores lineais desde 2015, e terán á súa disposición un PET-TC de medicina nuclear neste mesmo ano 2023.

En consecuencia, mentres non se creen estes espazos no CHUAC, o Sergas seguirá a prestar os servizos de radioterapia e medicina nuclear na Coruña co esquema de colaboración formulado polo goberno bipartito e a través do Consorcio Oncolóxico creado polo goberno bipartito, por suposto en beneficio da asistencia sanitaria dos pacientes. Aboal aclarou, tamén, que, cando a Fundación utiliza estes equipos para tratar a pacientes externos ao sistema público, abona a correspondente cantidade ao Sergas en concepto de compensación por dispoñibilidade de uso e mantemento.

R., 2023-04-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES