
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe o feito de que Galicia mellorou o déficit marcado no orzamento, xa que apuntou que se situou nun 0,4 % do Produto Interior Bruto, o que supón dúas décimas menos do límite previsto. Ademais, subliñou que a comunidade rexistrou unha ratio débeda/PIB do 17,2 %, tres décimas por debaixo do previsto, o que supuxo aforrar 210 millóns de euros, en canto a capacidade de endebedamento.
O mandatario galego explicou estes datos, recollidos no informe presentado hoxe ao Consello da Xunta polo titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, sobre o avance do peche do exercicio 2022. Sobre o mesmo, Rueda puxo en valor que reflicte que Galicia é a comunidade autónoma que menos incrementou a débeda desde o ano 2009, segundo os datos oficiais do Banco de España.
Ademais, destacou que tamén recolle que a Administración galega continúa entre as comunidades que antes paga aos proveedores, 10 días antes que a media. En concreto, explicou que foi a segunda que aboou máis rápido os seus compromisos no ano 2022, nunha media de 14,9 días, fronte ao 25,2 do conxunto das administracións autonómicas.
Recuperación PIB prepandemia
Rueda lembrou que Galicia recuperou no cuarto trimestre de 2022 o nivel do PIB da prepandemia, con varios trimestres de antelación á media de España, cando hai comunidades que aínda non o teñen recuperado, contrapuxo. Tamén salientou o feito de que a economía galega medrou un 3,8 % o ano pasado, dúas décimas por riba do previsto, remarcou.
Finalmente, en termos de emprego, o presidente da Xunta salientou que no conxunto do ano 2022 creáronse preto de 22.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo (PTETC), polo que aumentou un 2,2 % con respecto ao anterior exercicio, o que tamén permitiu superar o número empregos da economía galega antes da pandemia.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.