Noticias

Os Trens Turísticos de Galicia presentan una nova tempada para esquecerse do coche e gozar da nosa comunidade

Os Trens Turísticos de Galicia son unha proposta desenvolvida por Turismo de Galicia, composta por catorce rutas ao longo de toda a xeografía galega, onde descubrir diversos recunchos do noso país: desde achegarse ao punto máis setentrional da Península Ibérica ou a uns dos cantís dos máis altos da Europa continental, ata descubrir as paisaxes de socalcos da viticultura heroica ou pasear por xardíns de pazos con camelias en flor. Todo isto complementado con outros elementos tan importantes como a gastronomía e a historia.

Todo isto, a través de 14 trens con cadanseu percorrido turístico: Faros, Pazos e Xardíns, Ribeira Sacra Sil, Ribeira Sacra Miño, Valdeorras e Ribeira Sacra, Rías Baixas, O Ribeiro e Rías Baixas, Monterrei, Lamprea, Mosteiros, Ruta dos Queixos, Tren das Mariñas, Camelias en Flor e Experiencia Mega e A Coruña de 1906. Todos eles ofrecerán estas viaxes entre os meses de marzo e outubro de 2023, e se ben cada un ten os seus puntos de orixe definidos, tamén se ofrecen achegamentos gratuítos en autobús ou en tren, que permitirán acceder desde outras localidades.

O prezo das viaxes é de 45 € para os adultos, e de 20 € para os nenos de 3 a 13 anos, se ben hai que en conta que existen tarifas especiais para grupos (10 ou máis adultos) cun 15% de desconto. A reserva e compra de billetes pódese facer nos despachos de billetes de calquera estación de Renfe, na web renfe.es, e en axencias de viaxes concertadas con Renfe. Calquera persoa interesada pode obter máis información no 912 555 912 ou na web renfe.es.

Ruta dos Faros

A Ruta dos Faros levarate ata á Estaca de Bares, o punto máis setentrional da Península Ibérica, e outros lugares senlleiros do litoral norte de Galicia, como son o cabo Ortegal ou os cantís de Vixía Herbeira, dos máis altos de Europa, así como o santuario de Santo André de Teixido. Percorrerás a pé as rúas do centro histórico de Viveiro. Xa de regreso achegaraste aos famosos cantís de Loiba. Natureza en estado puro.

Pazos e Xardíns

Nesta ruta descubrirás tres lugares cheos de historia e que son xoias botánicas recoñecidas internacionalmente como Xardíns de Excelencia. A xornada comezará visitando o Pazo Quinteiro da Cruz e o seu xardín deseñado a finais do s XIX por un paisaxista francés, e no que poderás degustar o seu té de elaboración propia. De seguido achegaraste a Soutomaior e o seu castelo, no que gozarás dun paseo polo parque que o rodea, no que salientan árbores senlleiras e camelias con nome de muller. Tras o xantar trasladaraste a Vilagarcía de Arousa e percorrerás o xardín do Pazo de Rubiáns e sorprenderaste pola variedade de especies arbóreas ou as máis de oitocentas variedades de camelias.

Ribeira Sacra Sil

Viaxa aos mares interiores de Galicia e mergúllate na maxia, na arte e a paisaxe da Ribeira Sacra. Nesta ruta percorrerás viñedos a bordo do tren motorizado Aba Sacra, saborearás os seus viños na adega Regina Viarum, miradoiro sobre o río Sil. En Monforte de Lemos descubrirás máis sobre a viticultura heroica e despois do xantar embarcarás nun catamarán para percorrer as augas do río Sil, encaixadas nun espectacular canón. Rematarás a xornada visitando o mosteiro de San Pedro de Rocas, un dos máis antigos de Galicia, escavado directamente na montaña.

Ribeira Sacra Miño

Nesta ruta descubrirás outra Ribeira Sacra, menos coñecida, pero igual de abraiante. Pola mañá visitarás o mosteiro das Bernardas, onde poderás adquirir a súa repostaría. De seguido achegaraste ao Ecomuseo de Arxeriz, espazo no que se xuntan etnografía, historia e natureza. Pola tarde gozarás das verdes ladeiras e viñedos que enmarcan o río Miño no denominado “cabo do mundo” a bordo dun catamarán. Finalmente, degustarás os viños da zona na adega Vía Romana, situada nunha casa señorial do século XVI, con espectaculares vistas do val.

Valdeorras e Ribeira Sacra

Con este tren aproximaraste ao territorio das Denominacións de Orixe Ribeira Sacra e Valdeorras. Embarcarás nun catamarán dende o que gozarás do espectacular canón do río Sil. Xa na comarca de Valdeorras degustarás os seus viños na adega A Coroa e achegaraste ata o santuario das Ermidas, xoia do barroco galego, situado nunha contorna natural de grande beleza, no estreito val do río Bibei. Por último, coñecerás Os Peares, localidade a cabalo de 2 provincias e 4 concellos, no que visitarás o seu museo ferroviario.

Rías Baixas

Esta ruta levarate ao corazón da comarca do Salnés, sub-zona da Denominación de Orixe Rías Baixas. Dende o tren poderás gozar da paisaxe da ría de Arousa antes de visitar a adega do Pazo Baión, rodeado de viñedos, e a vila de Cambados, “capital do albariño”, e seu conxunto monumental de Fefiñáns. Pola tarde un paseo en barco pola ría de Vigo permitirate coñecer historias de trobadores, batallas e novelas, desembarcando na fermosa illa de San Simón.

O Ribeiro e Rías Baixas

Esta ruta ten por eixe o río Miño, visitando en primeiro lugar a adega Señorío de Rubiós, onde degustarás os seus viños do Condado, sub-zona da Denominación de Orixe Rías Baixas. A viaxe continuará en Ribadavia, capital do Ribeiro, achegándote ao Museo do Viño de Galicia situado na Reitoral de Santo André de Camporredondo. A continuación retrocederás máis de vinte séculos no tempo no castro de San Cibrao de Las, un dos maiores de Galicia. Finalizarás a xornada visitando a estación de Santa Cruz de Arrabaldo, convertida en museo.

Monterrei

Este tren levarate ao sueste de Galicia, visitando a Denominación de Orixe Monterrei, degustando os seus viños no monumento máis senlleiro da comarca, o castelo de Monterrei e na adega Gargalo, situada ao seu pé. Despois de estar en Verín, co seu centro histórico, poderás gozar dun agradable paseo polas estreitas rúas de Allariz e o seu Festival Internacional de Xardíns, á beira do río Arnoia. Por último, achegaraste á estación de Baños de Molgas, reconvertida en museo e restaurante.

Lamprea

Dende Pontevedra achegaraste ata Salvaterra de Miño, onde visitarás o Museo da Ciencia do Viño situado no castelo. Máis tarde darás un paseo por Tui, o centro histórico e a súa catedral-fortaleza. Pola tarde poderás sorprenderte coas pesqueiras de Arbo, senlleiras construcións centenarias que serven para capturar a lamprea no río Miño. Visitarás o centro de interpretación do viño e a lamprea “Arabo”. Finalmente trasladaraste ata a Cooperativa Condado-Paradanta nas Neves, onde degustarás requeixo, mel e viños da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Mosteiros

Nesta ruta adentraraste no corazón de Galicia, visitando en primeiro lugar o chamado “Versalles galego”, o Pazo de Oca, onde gozarás dun paseo polos seus espectaculares xardíns. A continuación arte e natureza fundiranse no mosteiro de Carboeiro, situado nun engaiolante recuncho do río Deza. No Carballiño visitarás o seu monumento máis senlleiro, o templo da Vera Cruz. A xornada finalizará achegándote ao mosteiro cisterciense de Oseira coa súa impresionante sala capitular.

Ruta dos Queixos

Nesta ruta percorrerás tres das catro denominacións de orixe dos queixos de Galicia. En primeiro lugar, achegaraste ata Sobrado dos Monxes para coñecer a Casa do Queixo, onde degustarás o queixo de Tetilla e Arzúa-Ulloa. A seguinte parada será a queixería Don Crisanto, en Vilalba co seu queixo San Simón da Costa. Tras xantar (libre) en Lugo, descubrirás o proxecto de ecoagroturismo de Arqueixal, en Albá (Palas de Rei) co queixo Arzúa-Ulloa como produto estrela.

Tren das Mariñas

O tren levaranos dende A Coruña ata Ferrol polas Mariñas e Terras do Mandeo, Reserva da Biosfera. A primeira parada será Betanzos, unha das capitais do antigo Reino de Galicia, da que visitarás o centro histórico. A continuación descubrirás as instalacións de Orballo en Paderne, que conta coa única plantación de té da Europa continental. O tren achegarate a Pontedeume, coa súa torre e ponte medieval, símbolos da vila. A xornada rematará en Ferrol, cun paseo en barco pola súa ría, defendida polos castelos da Palma e de San Felipe, e un paseo polo barrio da Madalena, do período da Ilustración.

Camelias en Flor

A camelia é a protagonista nesta ruta. Visitarás tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, un verxel no corazón do Salnés. Nel florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades, entre elas a sinensis a partir da cal elaboran o seu propio té, que degustarás. A continuación achegaraste ao castelo de Soutomaior no que descubrirás o seu xardín de camelias con nomes de muller: Rosalía de Castro, María Casares ou a Bella Otero. Finalmente, coñecerás o pazo de Rubiáns cuxos xardíns naceron no s. XVII e ao que se foron incorporando magnolios, criptomerias ou araucarias. Conta con máis de 800 variedades de camelias e unha finca de albariño, viño que degustarás ao rematar a visita.

Experiencia Mega e A Coruña de 1906

Neste tren viaxarás ata Á Coruña para coñecela dun xeito diferente. Volverás no tempo ata 1906, da man dun guía moi especial. Nese ano nacía unha das empresas máis recoñecidas do país: Estrella Galicia. Terás a oportunidade de coñecer o seu museo MEGA e vivir unha experiencia inmersiva nas súas instalacións, rematando a visita cunha degustación de cervexa e produtos galegos. Pola tarde, achegaraste ata Abegondo e descubrirás dous dos elementos básicos para a elaboración da cervexa: a auga do encoro de Cecebre e o lúpulo, cultivo que está en pleno proceso de recuperación e expansión nesta comarca das Mariñas.

R., 2023-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES