Noticias

Presentada unha guía técnica de solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual co gallo de impulsar a industria forestal

Presentouse a guía técnica 'Solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual', que ten como obxectivo difundir as posibilidades da construción con madeira estrutural e as súas calidades. Alí, no marco da Semana da Administración Aberta, destacou esta publicación como froito da colaboración entre a Xunta e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco do convenio asinado en 2019 para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, clausurou hoxe o acto de presentación da guía técnica “Solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual”, que ten como obxectivo difundir as posibilidades da construción con madeira estrutural e as súas calidades. Alí, no marco da Semana da Administración Aberta, destacou esta publicación como froito da colaboración entre a Xunta e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco do convenio asinado en 2019 para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que as dúas partes seleccionaron un total de 21 obras galegas construídas con madeira nos últimos cinco anos, recoñecidas pola súa calidade arquitectónica, e nas que se utilizou un sistema estrutural de madeira de deseño innovador ou produtos estruturais de madeira innovadores en si mesmos. A finalidade é promover unha maior demanda deste tipo de produtos e que, xunto coa competitividade en prezo por menor transporte e o incremento de concienciación sobre o consumo máis responsable, xere a implantación de máis industria local para a fabricación de produtos de madeira técnica con madeira de Galicia. Unha madeira técnica que pode chegar a triplicar -dixo- o valor doutros produtos da industria forestal co correspondente incremento da repartición de rendas aos habitantes do rural galego.

Así, no acto de hoxe déronse a coñecer algunhas desas obras. En concreto, o Centro de Urxencias Extrahospitalarias da Laracha, o edificio Impulso Verde en Lugo e a sede de servizos centrais de FINSA en Santiago, como exemplos de obra nova. Tamén a rehabilitación da á sur do conxunto de San Domingos de Bonaval en Compostela e da sede institucional e de I+D+i da Universidade de Vigo. No eido residencial, coñecéronse as características de distintas vivendas -tanto de obra nova como rehabilitadas- así como a rehabilitación da pensión Abeiro da Loba, en Sobrado.

No marco do impulso á construción en madeira, o titular de Medio Rural lembrou a convocatoria o ano pasado de 2,6 millóns de euros en axudas dirixidas a apoiar proxectos e obras que empreguen precisamente produtos de madeira como elementos estruturais, que se veñen de resolver con 164 beneficiarios. Así mesmo, mencionou os convenios asinados pola Consellería do Medio Rural coa de Sanidade e coa de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para o fomento da madeira en centros de saúde ou en obras de restauración do patrimonio galego; sen esquecer a construción en madeira das novas Bases de Unidades Operativas do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais.

A Axenda de impulso da industria forestal-madeira

Tal e como destacou o conselleiro, a guía técnica presentada hoxe desenvólvese dentro da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, unha folla de ruta contemplada dentro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e deseñada conxuntamente cos principais axentes deste eido para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade, favorecendo unha sociedade saudable, neutra en carbono, baseada no emprego verde e no consumo de produtos locais.

Para acadar estes obxectivos, definíronse catro eixes fundamentais, relativos á mellora do capital humano a través da formación, ao impulso da innovación, á cooperación e valorización e á competitividade, desenvolvemento e diversificación do sector. A través destes eixes e dun orzamento de 55,5 millóns de euros, a Axenda prevé mobilizar preto de 140 millóns de euros no reforzo da competitividade e da modernización dun sector clave no ámbito rural.

José González apuntou que tamén se está traballando na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, unha demanda do propio sector que acabará por aliñar o Plan forestal coas necesidades da industria, conectando recurso e produto.

R., 2023-03-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES