
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, presidiu hoxe en Vigo a xuntanza da Asemblea e o Consello Superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na que se aprobou o plan de actividades para 2023. As principais liñas para este ano vanse centrar na intensificación da cooperación transfronteiriza de proximidade e na aposta pola mobilidade académica e as conexións ferroviarias.
Así, no eido da mobilidade académica vaise ampliar o programa Iacobus para investigadores e persoal administrativo das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión con novas convocatorias para estadías, publicacións científicas e patentes. Esta iniciativa dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica recibiu en 2022 máis de 300 candidaturas.
No que se refire á mobilidade xeográfica e á cooperación de proximidade, continuarase coa reclamación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo. Insistirase ademais na mellora urxente das conexións ferroviarias, coa firme aposta polo tren de alta velocidade Vigo-Porto ante a falta de avances sobre esta liña nos últimos cumios ibéricos.
A maiores, en 2023 a Xunta vai reforzar a cooperación transfronteiriza entre as principais institucións de fronteira Galicia-Norte de Portugal, como as eurocidades e as outras AECTs, e coas confederacións empresariais e sindicais da Eurorrexión. Tamén se continuará colaborando con sectores puxantes, como a automoción, a aeromoción, a biotecnoloxía mariña ou as enerxías renovables.
As achegas culturais, a través do proxecto Nortear, e a promoción e difusión dos camiños portugueses a Santiago son outras das liñas estratéxicas na Eurorrexión para este exercicio, así como o turismo conxunto co obxectivo de conseguir a creación dun Clúster de Turismo Transfronteirizo.
Ademais das liñas de traballo para 2023, na sesión de hoxe analizouse a actividade do pasado ano, co peche dos proxectos do POCTEP 14-20. Entre eles figura o proxecto Facendo Caminho, co estudo do impacto económico das rutas xacobeas e as bases do Plan director dos camiños portugueses a Santiago como principais logros.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.