Noticias

O emprego no sector tecnolóxico crece máis entre as mulleres que entre os homes en Galicia ata alcanzar as preto de 9.000 empregadas

Os cadros de persoal das empresas tecnolóxicas de Galicia están formados nun 67% por homes e nun 33% por mulleres aínda que nos últimos anos estase a experimentar un cambio de tendencia, ao crecer a maior ritmo o emprego feminino que o masculino. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) analizados polo Observatorio da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), o sector tecnolóxico empregaba a un total de 8.983 mulleres en 2022, o que supuxo un crecemento dun 5,5% con respecto a 2021. No caso dos homes tamén houbo crecemento no emprego, pero foi do 5%.

En canto aos estudos superiores, tamén segue a ser inferior a presenza de mulleres nas carreiras relacionadas coas enxeñarías e a arquitectura, nas que representan o 26,9% do alumnado. O dato contrasta coa situación xeral no sistema universitario, no que máis do 55% do alumnado son mulleres.

Sen fenda dixital na cidadanía

No que se refire ás habilidades dixitais da cidadanía, a fenda dixital non é perceptible en Galicia, xa que tanto no uso de dispositivos electrónicos como no uso de internet a porcentaxe de mulleres usuarias é superior á dos homes.

O informe “Mulleres en Dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que hoxe pública o Osimga, indica que a porcentaxe que mulleres que declaran que accederon a internet nos últimos tres meses é dun 89,6%, seis décimas máis que no caso dos homes.

Ademais, un 91,5% das mulleres declarou que utiliza dispositivos electrónicos, fronte ao 90,8% dos homes.

O único tramo de idade no que se mantén unha porcentaxe de usuarias inferior ao de usuarios é o que vai dos 65 aos 74 anos, no que as mulleres se sitúan a 2,3 puntos porcentuais dos homes. Así e todo, neste tramo de idade, as mulleres aumentaron en 4,3 puntos porcentuais o uso de internet no último ano, fronte aos 2,3 puntos de diferencia no caso dos homes. (O informe completo pode ser consultado en www.osimga.gal).
Iniciativas da Xunta p7
ara eliminar as fendas de xénero

A especialización tecnolóxica e o avance cara a unha sociedade dixital e inclusiva son dúas das liñas principais da Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta.

Entre as iniciativas da Administración autonómica para o logro dos obxectivos asociados a ambas liñas destaca a rede de aulas CeMIT, posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Conta con cerca de 110.000 persoas usuarias, das que o 60% son mulleres. Traballa de forma conxunta coa Programa de Voluntariado Dixital, formado por 700 persoas, das que o 60% son mulleres.

Entre outras actividades, as aulas desenvolven programas de inserción laboral e emprendemento como o denominado Muller TIC. En canto á promoción das vocacións tecnolóxicas ofertáronse durante estes últimos anos iniciativas como os obradoiros tecnolóxicos Tech Kids, dirixidos a nenas de entre 8 e 15 anos así como outras actividades con carácter steam. No ámbito da inclusión dixital destacan programas dirixidos a colectivos en risco de exclusión, como exemplos disto son as actividades “Son muller e non estou soa” ou “Competencias dixitais para mulleres do rural”.

As aulas CeMIT son tamén o escenario para a obtención do certificado de competencias dixitais. Máis de 5.100 persoas obtiveron este certificado na rede CeMIT, das que o 70% son mulleres. Esta porcentaxe apenas superaba o 50% en 2014.

Actualmente, estase a traballar na posta en marcha do novo Certificado Galego de Competencias Dixitais e a Rede de aulas CeMIT está nun proceso de ampliación e modernización.

Actuacións de impulso do talento dixital feminino

O fomento das vocacións dixitais entre as mulleres é tamén un obxectivo do Plan DigiTalent 2030. En concreto, co novo Plan de impulso á inclusión, capacitación e talento dixital en Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continua a poñer o foco no apoio e promoción da redución da fenda de xénero, co obxectivo de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas.

Durante o verán de 2022, a Axencia autonómica, en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) puxo en marcha unha nova edición do Programa Girl STEAM, unha iniciativa que busca favorecer o uso da tecnoloxía dende unha perspectiva igualitaria, inspiradora e creativa durante a infancia e a adolescencia que aumente a visibilidade do rol da muller no sector tecnolóxico.

De xullo a setembro, ata 250 rapaces e rapazas de 8 a 15 anos tiveron a oportunidade de participar nos obradoiros formativos que se celebraron en 16 concellos galegos, ademais das instalacións do GaiásTech na Cidade da Cultura.
Durante o mes de outubro, púxose en marcha a II Edición do Programa Tech Kids: Ciberseguranza Kids, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Este programa ten por obxectivo achegar aos máis pequenos e pequenas os valores, normas e límites para unha navegación segura na Internet. A iniciativa desenvolveuse en formato contacontos, mesturando a narración e a ilustración cunha perspectiva lúdica e unha dinámica altamente interactiva na que participaron 28 centros escolares de Galicia e máis de 800 nenos e nenas de 3 a 12 anos.

R., 2023-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES