Noticias

O sector lácteo galego incrementa os prezos pagados aos gandeiros e acada unha cifra récord de facturación

Bo momento o que vive o sector lácteo galego, especialmente no que atinxe á constante subida dos prezos pagados aos gandeiros polo seu produto nos últimos meses e que levou a rexistrar máximos de facturación pola venda de leite. O sector acadou en 2022 un récord de facturación ao alcanzar os 1.306 millóns de euros, un 35,2% máis que no 2021. Galicia é líder nacional en produción de leite (concentra o 41% do total de España) e está entre as dez principais rexións produtoras de toda Europa. Un informe avaliado hoxe no Consello indica que o prezo que se lle paga aos gandeiros polo leite leva 18 meses consecutivos de incremento.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe o bo momento que vive o sector lácteo galego, especialmente no que atinxe á constante subida dos prezos pagados aos gandeiros polo seu produto nos últimos meses e que levou a rexistrar máximos de facturación pola venda de leite. “O sector acadou en 2022 un récord de facturación ao alcanzar os 1.306 millóns de euros, un 35,2% máis que no 2021”, indicou o presidente, quen subliñou que que trátase dun sector “fundamental para a economía galega”.

Rueda lembrou que Galicia “é líder nacional en produción de leite” -concentra o 41% do total de España- e “está entre as dez principais rexións produtoras de toda Europa”. Nesta liña, puxo en valor que os últimos datos non só consolidan a comunidade senón que demostran que a Estratexia de dinamización do sector lácteo que a Xunta puxo en marcha en 2020 “foi unha medida acertada”.

Tal e como explicou o presidente, un informe avaliado hoxe no Consello indica que o prezo que se lle paga aos gandeiros polo leite leva 18 meses consecutivos de incremento.

Esta suba máis que compensou o aumento dos custos de produción, polo que as marxes das gandarías de Galicia melloraron no 2022 respecto do ano anterior. Así, cómpre sinalar que os custos de produción aumentaron un 11,2 %, pero o incremento dos prezos pagados aos gandeiros foi do 64,61 % e os prezos nos lineais medraron arredor dun 39 %.

O informe tamén reflicte, entre outras conclusións, que o prezo medio pagado polo leite en Galicia en decembro de 2022 “chegou ata os 58,6 céntimos/litro”, cun incremento anual superior nunhas décimas ao rexistrado no conxunto de España.

Con respecto á facturación total das gandarías, se lle sumamos á venda do leite as vendas de animais, as axudas da PAC, a achega extraordinaria pola invasión rusa de Ucraína e outros ingresos, estímase que a cifra chegou aos 1.568,95 millóns de euros.

Ademais, tal e como resaltou Rueda o informe amosa que “o rendemento medio por explotación aumentou en Galicia un 73,7 %, dez puntos por riba do dato de España”, que foi do 62,8%. Isto significa que as granxas galegas son cada vez máis eficientes e incrementan a súa competitividade.

Ao tempo, o estudo reflicte tamén que se está a rexistrar un aumento progresivo da industrialización en Galicia do leite producido na nosa comunidade. Así, no ano 2021 transformouse en Galicia o 63,23 % do leite producido, avanzando cara ao obxectivo marcado pola Estratexia de dinamización do sector, establecido no 75 % para 2025.

Segundo o informe, no 2022 incrementáronse tanto os prezos pagados aos gandeiros polo leite como os dos produtos lácteos nos lineais da distribución. Neste sentido, os prezos do leite enteiro e desnatado en España aumentaron nos lineais desde decembro de 2021 arredor dun 39 % e o incremento dos prezos doutros derivados lácteos (queixos, iogures) oscila entre o 23 e o 26 %.

Polo tanto, os principais indicadores sectoriais reflicten unha situación xeral de estabilidade que permite, entre outras cousas, que Galicia continúe como líder nacional indiscutible (acumula, con 2,9 millóns toneladas, preto do 41 % da produción total española). A maiores, o leite producido en Galicia supera tamén nas súas calidades (contido en graxa e proteína) a media española. Por outra banda, a nosa comunidade segue mantendo o peso nacional en número de explotacións, representando o 56,4 % do total de España (no 2015 esta porcentaxe era do 56,2 %).

Estratexia sectorial

Estes bos datos do sector leiteiro enmárcanse na aplicación da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego (2020-2025), impulsada pola Xunta de acordo cos axentes deste eido produtivo. Esta planificación configura este sector como estratéxico para o rural de Galicia, xa que achega o 1,5 % do PIB da comunidade.

Esta Estratexia busca contribuír a consolidar Galicia como referente neste eido, con fitos como a mellora progresiva dos prezos ou o reforzo da posición negociadora dos gandeiros. A Estratexia traballa en cinco grandes eixes: a produción, a industria, os mercados, a cadea de valor e a formación e innovación.

R., 2023-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES