Noticias

Entregados os Premios Excelencia Académica a 434 estudantes galegos

Tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega dos Premios Excelencia Académica a 434 estudantes universitarios galegos. O obxectivo destes premios é recoñecer o traballo do estudantado coas mellores cualificacións en cada un dos cursos de grao oficial no Sistema Universitario de Galicia (SUG). No cómputo total de persoas galardoadas, que supera en 24 estudantes o da anualidade anterior, o 63,5% son mulleres e o 36,5% homes. Por rama de coñecemento, o 43% son estudantes de Ciencias Sociais, o 17% de Enxeñaría e Arquitectura, o 14% de Ciencias da Saúde, o 14% de Artes e Humanidades e o 12% de Ciencias. De entre as persoas premiadas, 172 proceden da USC, 123 da UDC e 139 da UVigo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a potencia do Sistema Universitario de Galicia, vencellada ao talento do alumnado, ao bo facer do persoal docente e tamén ao “importante apoio” do Goberno galego, tal e como considerou que reflicten “os case 500 millóns de euros de financiamento” para este 2023, o que supón “o ano con máis recursos públicos”.

Así o puxo en valor na entrega en Santiago dos Premios Excelencia Académica a 434 estudantes universitarios galegos, aos que lle deu os parabéns polo seu “esforzo” para acadar as mellores cualificacións nos seus respectivos cursos e titulacións. “Aquí non vale máis o que máis ten, senón o que máis sabe, e para iso hai que esforzarse moito”, aseverou, ao tempo que advertiu que o “esforzo non está pasado de moda nin o vai estar nunca”.

Ademais deste esforzo por parte do alumnado, Rueda tamén salientou o apoio da Administración galega para que calquera mozo que decida estudar unha carreira universitaria “o teña máis fácil” e referiuse, en concreto, ao feito de Galicia é a única comunidade que mantén conxelados desde hai doce cursos os prezos públicos das matrículas universitarias.

Nesta liña, amosou a aposta e compromiso do Goberno galego por que todos aqueles estudantes que rematen a súa carreira poidan quedarse en Galicia se así o deciden. “En Galicia fai falta moito talento e vós representades o talento por excelencia”, subliñou.

Neste eido, o mandatario galego considerou importante seguir incidindo en que a formación e os graos universitarios que se oferten estean en total conexión co que demanda o mercado para que ,ao rematar á carreira, se poida ofrecer un “futuro laboral”. “Necesitámosvos a todos”, apuntoulles ás e aos estudantes premiados, ao tempo que concluíu que con “xente coma vós, Galicia vai ter futuro durante moito tempo”.

R., 2023-02-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES